A Xunta aposta pola igualdade e o fomento do emprendemento

O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou a sede de Ludoingenio S. L., unha empresa de Vigo que foi beneficiaria das axudas do programa ‘Emega’, co que a Xunta está a incentivar ás mulleres emprendedoras de Galicia.

Rueda tivo oportunidade de coñecer máis de preto a empresa e ás súas responsables, Silvia Solla e Sonia Rodríguez. Ademais, estivo acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

A orde de axudas do ‘Emega’ suma dous dos eixos estratéxicos polos que aposta e seguirá apostando o Goberno galego: a procura da Igualdade real entre homes e mulleres e a aposta polos emprendedores e polo emprendemento.

A Xunta está a apostar pola igualdade desde todos os ámbitos, ben sexa a través da loita contra a violencia de xénero e a asistencia das mulleres que a padecen, como fomentando a igualdade no ámbito educativo e nos concellos galegos.

Así mesmo, o Executivo autonómico está a apoiar o emprendemento, fundamental en tempos de crise e tamén agora que se albisca a recuperación económica. Nesa recuperación xoga un papel fundamental a xente emprendedora, especialmente as mulleres, ás que a Secretaría Xeral da Igualdade trata de favorecer con medidas como o ‘Emega’.

O programa ‘Emega’

A Xunta considera necesario levar a cabo actuacións de asesoramento, formación e apoio ás mulleres emprendedoras para axudalas na posta en marcha e modernización das súas empresas para fomentar a súa adaptabilidade e competitividade no mercado actual.

Con ese obxectivo naceu o programa ‘Emega’, co que o Goberno galego pretende potenciar que as mulleres se integren no sector produtivo galego poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais a través de diferentes liñas de actuación.
Ludoingenio, S. L.

A empresa que se visitou esta mañá beneficiouse dunha axuda de 21.500 euros en 2014, dentro das liñas ‘Emprende’, ‘Concilia’ e de formación dual. Ademais de ludoteca, a súa actividade centrase na aprendizaxe a través de novas técnicas, dedicándose á formación de formadores e servizos de asesoramento en programas de conciliación a institucións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar