Sexamos serios, señores

Cando  eramos raparigos e a esmorga se esmadroaba, o Xosé Manuel do Aguiar, que se matou cando se lle atravesou unha curva, tentaba pór sentidiño cun: «Sexamos serios señores». Como algúns sempre se botaban a rir, axudáballe o Pepe do Catelo: «Chegado a este punto, quietos parados, carallo, hai que reflexionar…».

Ante a leria do financiamento dos partidos, que uns negan, outros acusan, os máis semellan que ollan para outro lado e todos se presentan coma virxes do Olimpo celta, eu tamén digo coma o Aguiar: «Sexamos serios, señores».

Se lemos as distintas memorias das persoas que foron a cerna da denominada Transición, podemos comprobar como para montar o sistema de partidos da democracia se saltaron moitos controis e se pasou por encima da maioría dos convencionalismos. Poida que a Restauración borbónica non se puidese realizar doutro xeito.

Algúns novos partidos naceron como empresas. Outros como fundacións. Os gromos de AP foron alimentados polos propios servizos segredos do franquismo. UCD recibiu o apoio do grande capital español. CDC do capital catalán e o PNV do vasco.

Ao PSOE achegoulle diñeiro os EEUU e a Libia de Gadafi, pasando por Alemaña. Pero como as transferencias non lle chegaban a tempo para as eleccións do 1982, o propio Goberno español lle concedeu a través do Banco Exterior un crédito ponte.

Ao PSP laminouno o propio goberno de Suárez, porque os americanos chamaron para que non lle concedesen os 30 millóns apalabrados que precisaban para salvarse.

A Comisións e UGT déronlles 2.400 millóns de pesetas para que asinasen os Pactos da Moncloa mentres non se poñía en marcha a Constitución.

Tamén apoiaron economicamente ao PCG, sobre todo, propiciando que recibise as transferencias de diñeiro de Rumanía.

Chamaron a HB e ERC para que presentasen os seus estatutos e legalizalos, mentres lle negaban esa mesma legalización á UPG e a AN-PG, as últimas organizacións en recibir o nihil obstat do goberno da UCD. (Algúns días contarei as razóns).

Montaron un sistema electoral conforme aos desexos de estabelecer un bipartidismo imperfecto, algo que trasladaron logo ás autonomías. E cando existiu necesidade de que Fraga Iribarne gobernase en Galiza, o propio Felipe González impuxo que se lle concedese un deputado máis por Ourense, para que conseguise a maioría.

Todo isto sábeno aqueles «pais da Patria», uns dos outros e moitas cousas máis que calan. Pois todas estas que acabo de resumir aparecen nos seus libros e en papeis oficiais.

Que é o que está a pasar agora? Que estamos no final dun ciclo e, para montar algo novo, hai que varrer un chisco de lixo. Por onde comezan? Por CDC, que rachou a omertade.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Ideal Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar