Eu si creo a Beiras

Non creo que estea xa todo feito. Non. Que Anova, IU e Podemos xa chegasen a un acordo para concorrer xuntos ás eleccións xerais e, logo, tamén ás galegas non me cabe na cabeza. Négome a crer os agoreiros que hai meses latrican co mesmo. O Encontro Cidadán por unha Marea Galega sempre sostivo que debía ser un proceso “desde abaixo”, tendo ás mareas municipais como exemplo. É certo, que estas mareas, agás a da Coruña e a dalgún concello pequeno, xurdiron dun pacto entre as cúpulas de Anova e IU. Pero, agora, non van caer nese mesmo erro. Digo eu.

Como as executivas de IU, Podemos e Anova van a desprezar aos do Encontro Cidadán?

Non, non podo crelo.

Ben é certo que esta plataforma leva dando largas para non xuntarse coa outra plataforma unitaria, Pola Unión, aínda que estes asumen a súa metodoloxía para “empoderizar aos cidadáns e a confluencia das organizacións políticas antepoñendo o ben social aos intereses dos partidos”.

Penso que os centos de membros das Mareas, algúns están tamén en Pola Unión, non van permitir que se dependa de Madrid. Aínda que a súa resposta a Pola Unión, “a responsabilidade de chegar a acordos é dos partidos e non das plataformas”, non me cheira moi alá. Pero, non. De ser así para que constituíron o Encontro Cidadán?

Non, hai moito mal pensado. Como van facer ouvidos xordos ao clamor cidadáns que arela a unidade? Os nacionalistas de Anova e integrantes das Mareas non van antepoñer “unha alternativa ao bipartidismo” cando o que se vai xogar nas Cortes é que Galiza teña voz propia e forte na nova configuración do estado. Non. Non creo que ese pacto estea pechado, pois Xosé Manuel Beiras afirma que non é certo.

Non, négome a crer que Beiras teña un comportamento político disociativo. El declarou que se estivese empadroado en Catalunya votaría os independentistas das CUP. Facer el unha cousa en Catalunya e outra na Galiza? Tamén dixo na revista Critic que xa estaba canso de Podemos pois non entendían que “Galiza é un suxeito político propio”.

Non, non creo que a lucidez de Beiras antepoña a suposta “emerxencia social” sobre a custión nacional, pois, como ben explicou centos de veces nas súas intervencións e nos seus escritos, “ambas van intimamente xunguidas e o BNG funciona como o Estado que non temos”.

Tamén sei que a visión política de Beiras non lle permitirá pasar á historia como un dos principais dirixentes do PG, Álvaro das Casas, que abandonou no 1933 o nacionalismo, fundando Vangarda Nacionalista Galega cun voceiro, Máis, en español.

Alguén se lembra hoxe del? Alguén o reivindica? Quen coñece a súa interesante obra?

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar