Aprobado o Plan Director do Camiño de Santiago

O Goberno galego aprobou este xoves o plan director do Camiño de Santiago 2015-2021, unha folla de ruta as medidas da cal se financiarán con 56 millóns de euros coa vista posta en poñer «a punto» este patrimonio para o próximo Ano Santo de 2021 e sacar así «o máximo partido» ao fenómeno Xacobeo.

  «Será a folla de ruta que englobe e ordene todas as accións concretas para sacar o máximo partido ao fenómeno Xacobeo nos próximos anos», resumiu Feijóo, ao termo da reunión semanal do seu Executivo.

A continuación, repasou os tres obxectivos que formula o plan director: «protexer e preservar» o Camiño, facer que a peregrinación sexa «unha experiencia de calidade» e adaptada ao peregrino do século XXI e «fomentar a cohesión social e o equilibrio territorial».

Para a elaboración deste documento, a Xunta concertou entrevistas con 170 organizacións e 220 persoas, representantes de administracións públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, touroperadores, hoteleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros.

LIÑAS ESTRATÉXICAS

O plan director fixa oito liñas estratéxicas, empezando por coordinar a todas as administracións e colectivos «implicados», así como «preservar e potenciar» o patrimonio do Camiño, con especial fincapé en impulsar a delimitación das diferentes rutas e os mecanismos de protección e posta en valor do patrimonio.

Camiño de Santiago_Peregrino con accesorios e cunha e a Catedral ao fondo

   Tamén se fixa o reto de «conservar e manter» o Camiño «facéndoo accesible» ás persoas con minusvalideces e evolucionar cara a un Camiño «ambientalmente sostible» e «fortalecer» Santiago de Compostela como «meta do Camiño».

Para logralo, Feijóo aludiu ao plan para rehabilitar a Catedral, a un novo centro de acollida ao peregrino na capital galega e á «reconsideración e remodelación» do complexo do Monte do Gozo.

De igual xeito, a Xunta aposta por potenciar os diferentes Camiños de Santiago, os seus valores e singularidades, especialmente ante o recoñecemento como patrimonio da Humanidade dos Camiños Primitivo e do Norte.

Así mesmo, garantirá a calidade e especialización na atención ao peregrino, «mellorando albergues», e fomentará a investigación, a comunicación e a divulgación do Camiño e a cultura xacobea, ademais de dar un impulso ao Smart Camino.

Q DE CALIDADE E REDE WIFI

Ademais, o plan director deseña unha etapa modelo de 21 quilómetros, que reflicte como se visualiza o Camiño de cara ao Ano Santo.

Así, por exemplo, nesta etapa os albergues contarían coa Q de calidade e rede de wifi nos establecementos públicos, ademais de persoal cualificado que alcance «a excelencia» no trato ao peregrino e dos que o 80 por cento polo menos fale inglés.

«ESFORZOS RENDIBLES»

Para todo iso, Feijóo explicou que se contempla unha inversión de máis de 56 millóns de euros, o que se traduciría nunha media de 23 euros por peregrino.

O presidente defendeu que a relación entre inversión e previsións de ingreso evidencian que os esforzos do plan director son rendibles, xa que se estima que o ingreso pode ser de 44 euros por peregrino ao día.

Se a parte da base de que cada peregrino pasa, de media, seis días en Galicia, en total cada un gastaría na comunidade 240 euros.

Deste modo, o xefe do Executivo concluíu que o plan director busca consolidar o crecemento sostible das rutas xacobeas, que no que vai de ano conduciron a Santiago a case 220.000 persoas, o que supón un incremento de máis do 10 por cento.

«Estamos ante un dos principais elementos da Marca Galicia e ante unha grande oportunidade económica para toda a comunidade», resolveu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar