Homenaxe ao triatleta Gómez Noya polo seu éxito en Chicago

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recibiu no Pazo de Raxoi ao atleta Javier Gómez Noya que vén de acadar en Chicago o seu quinto mundial de triatlón. O titular da Xunta enxalzou a traxectoria do deportista ferrolán ao que definiu como “o mellor triatleta de todos os tempos”. Do mesmo xeito e tras repasar o palmarés de Gómez Noya, o presidente gabou a galeguidade dun atleta que “leva a bandeira do seu país”, un feito que “nunca esquecerá o pobo galego”.

No encontro, que contou ademais coa presenza de varios triatletas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Feijóo animou ao deportista de cara aos novos retos que se aproximan como os Xogos Olímpicos de Río 2016 e valorou o acordo de patrocinio selado o pasado mes de agosto para a promoción da marca Galicia Calidade, que suma 53 empresas e máis de 300 produtos certificados.

O responsable do Goberno galego fixo fincapé na mellora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra que está a levar a cabo a Xunta e amosou a súa convicción de que a pista vaia estar finalizada “en poucas semanas”. “Agardamos que en 2016 teñamos o mellor Centro de Tecnificación que nunca tivemos en Galicia, porque temos aos mellores deportistas do mundo”, abondou.

 O titular do Goberno galego manter‡ un encontro co triatleta Javier G—mez Noya.
O titular do Goberno galego manter‡ un encontro co triatleta Javier G—mez Noya.

Na súa intervención, o presidente situou ao deporte como parte fundamental da política da Xunta, e cifrou en preto de 60 millóns de euros o investimento da Xunta desde 2009 en concepto de axudas a federacións deportivas, clubs, deportistas de alto nivel e instalacións. Ademais, Feijóo indicou que a Secretaría Xeral para o Deporte traballa en “proxectos interesantes” no seu Orzamento para 2016 que, de ser aprobado polo Goberno, significará “boas novas para o atletismo galego”.

Os cinco mundiais acadados por Javier Gómez Noya (2008, 2010, 2013, 2014 e 2015) súmanse a unha longa lista de éxitos entre os que destacan tres subcampionatos do Mundo (2007, 2009 e 2012), tres campionatos europeos (2007, 2009 e 2012), e un diploma e unha medalla de prata olímpicas acadadas nos Xogos Olímpicos de Pekín (cuarto lugar) e de Londres (segunda posición).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar