Paciencia e unión

Se levantase a cabeza un dos labregos galegos da fouce e fouciño, non podería entender o que lles está pasando aos paisanos, aos tractorizados labregos que traballan coma el facía, de noite e de día. Os de hoxe, quizais menos labregos do que foron os seus pais e avós, teñen igual ca eles a sensación de traballaren moito para pouco. As vacas que coidan dan leite de condicións inmellorables e, se antes as muxían en Madrid, agora móxenas tamén en Bruxelas.

O remate da cota do leite e o parón de Rusia na compra dos produtos lácteos dos franceses e alemáns parece que son dous dos motivos da dramática situación. Que ninguén pense que a razón está na subvención, que o mal vén da “sen razón” dos que esixen medidas xustas e equilibradas ou na potencia do motor, do autofalante ou da cor da máquina que anda polo monte automatizada arando e carretando moreas de sensabores.

Seguramente o peor do que está pasando sexa froito da incomprensión e da intolerancia, da falta de diálogo e do egoísmo extraordinario daqueles poderes económicos foráneos que queren someter e dobregar aos gandeiros, para que se dediquen a consumir mercadorías caras e a traballar de balde. Galicia produce leite, mentres en Alemaña e, sobre todo, en Francia transfórmase e dende alí fan a comercialización, a distribución a onde poden, sen perder de vista nunca aos seus exclusivos intereses. Se os galegos queremos beber leite temos que comprarllo a eses comerciantes, aos que tiveron que vendérllelo os gandeiros nosos . E, o prezo? O que sexa. Póñeno eles.

Os labregos e gandeiros novos, informados, estudados e traballadores, ao marxe das organizacións tradicionais, organízanse en plataformas para, se é necesario, comer o mundo á secas ou con auga fresca da fonte fría. Eles saben ben que a paciencia e a unión son as súas armas máis potentes. Quizais por iso, a Asemblea de Gandeiros de Lugo e a Organización de Produtores de Leite (OPL), responsables das mobilizacións, van camiñar xuntas e sobre rodas polo mesmo roteiro. Os cidadáns, con resignación. Os sindicatos e os seus liberados, observan e mantéñense forzosamente caladiños.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar