Todo disposto para o encontro informático Xuventude Galicia Net esta fín de semana

Xuventude Galicia Net_preparativos en Silleda_Edición 2015

O encontro informático Xuventude Galicia Net 2015 vaise celebrar na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda,  durante os próximos venres, sábado e domingo, se ben o evento abrirá xa mañá as súas portas de forma non oficial.

Esta apertura ten como obxectivo facilitar o acceso escalonado dos inscritos, permitindo a aqueles que o desexen comezar a instalar tanto os seus postos de ordenador como os seus útiles para durmir. Será a partir das doce do mediodía no pavillón un do recinto feiral.

Os inscritos que acudan mañá poderán xa comezar a empregar os seus equipos, pero ao tratarse dun día de probas, nalgúns momentos a rede pode non estar dispoñible ou a conexión a internet ser inestable. Así mesmo, o programa de actividades do XGN 2015 non comezará ata o venres, día oficial da apertura do evento.

A Feira Internacional de Galicia Abanca continúa hoxe e mañá pola mañá coa montaxe técnica do XGN, na que están a traballar máis de vinte persoas en distintas tarefas relacionadas coa conectividade do evento e a colocación de mobiliario.

 

EMISIÓN EN STREAMING

 

O Xuventude Galicia Net, o cal se celebra coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, emitirase durante os tres días con tecnoloxía streaming, un sistema que permite ver e escoitar contidos multimedia á vez que se descargan, o cal quere dicir que o evento se pode ver en tempo real. Será a través da web do XGN, xuventudegalicia.net.

Os que se conecten desde xeito ao evento poderán ver o seu ambiente, actividades, entregas de premios e mesmo entrevistas a participantes e visitantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar