Cansos de Podemos

SI alguén realiza unha análise errada da situación o lóxico é que a súa proposta tamén sexa errónea.

Hai quen teima en que as eleccións xerais van significar a «quebra democrática do Estado». Con esta premisa relegan a contradición nacionalismo-españolismo a un segundo plano e sitúan o eixo político en dereita-esquerda, priorizando as alianzas coas forzas políticas estatais en detrimento da autoorganización. Aínda máis, sitúase a Podemos, que, de momento, é unha idea que se desinfla, no eixo central das alianzas galegas.

Pero nin os movementos sociais nin a demoscopia fan albiscar por ningún lado, por desgraza, esa desexada «quebra democrática».

Ao que apunta todo é a unha «reformulación do Estado» cun cambio constitucional. As declaracións da maioría dos líderes políticos españois, incluído os de Podemos, non o esquezamos, falan de reformar a Constitución e de darlle un novo estatus a Catalunya. Euskadi, non o dubiden, tamén reclamará o seu.

E Galiza?

Galiza non pode quedar, unha vez máis, ao chou dunha negociación na que o seu único peso sexa a súa lexitimidade histórica, recoñecida na actual Constitución.

Por iso, é máis necesario ca nunca un grupo parlamentario propio que defenda os nosos intereses nas Cortes. Por iso é necesaria unha confluencia cidadá nunha única candidatura para defender uns dereitos que só se poden reclamar con voz propia, sen subordinación a outras tácticas estatais ou nacionais. Pero sería errado pensar que cun grupo parlamentario o traballo xa estaría feito e o perigo de quedar relegados a un segundo nivel nas negociacións constitucionais quedaría esconxurado.

Por iso sería un erro, un grande erro, que os nacionalistas se centrasen en acadar unha candidatura e descoidasen a posta en marcha dun grande movemento cidadán para conseguir unha conciencia nacional que sustente as lexítimas reclamacións galegas no Estado. Xa que logo, tamén é imprescindíbel que este movemento tenda pontes para que aquela cantilena do PPdeG e PSdeG de que «Galiza non pode ser menos que Catalunya e Euskadi», teña defensores nestes dous partidos de ámbito estatal e con grande implantación na nación. Poden ser estes partidos, aguilloados pola presión popular coma cando o aldraxe, máis útiles ca Podemos.

Por certo, subscribe Podemos o de Galiza como Catalunya e Euskadi? «Galiza é un suxeito político propio. Xa estou canso de Podemos. Semella que son receptivos e logo aparecen coas posturas apriorísticas de sempre falando do feito diferencial», afirmaba Xosé Manuel Beiras nunha recente entrevista.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar