Chamamentos á «xenerosidade» dos oito partidos que buscan configurar a Marea Galega

 Encontro Cidadán por unha Marea Galega

   Os chamamentos á «xenerosidade» foron a nota común este sábado na mesa de debate impulsada por Encontro Cidadán por Unha Marea Galega, na que participaron voceiros de oito formacións, principais actores partidarios que tomaron contactos para a existencia dunha candidatura galega de confluencia nas eleccións xerais.

No marco da xornada ‘Construíndo a unidade’, na facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o debate desenvolveuse nunha aula na que participaron, como oíntes pero tamén a través de preguntas e achegas, máis dun centenar de persoas.

E é que a cidadanía como «protagonista» do proceso de construción dunha marea galega foi outro dos ‘leitmotiv’ repetidos polos voceiros de BNG, Esquerda Unida, Podemos, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, Cerna e Compromiso por Galicia.

Polo Bloque participou Goretti Sanmartín, quen sinalou que «por suposto» pensa que «hai espazo» para a confluencia» pero advertiu, en referencia a Podemos, de que é necesaria «a renuncia ás siglas», de modo que a candidatura configure «unha identidade nova».

A nacionalista subliñou que «Galicia precisa un grupo parlamentario propio» en Madrid e avogou para iso «que exista unión dende abaixo», co obxectivo de facer fronte á situación actual «de emerxencia social».

Así, e para que a comunidade galega «teña voz propia» e «voz soberana» nas Cortes, considerou relevante que ninguén poña paus nas rodas» ao proceso e que este se leve a cabo «dende aquí».

Pola súa parte, Xabier Ron, de Esquerda Unida, apelou «á experiencia» da súa formación con AGE e os procesos municipalistas, e reflexionou sobre que «os tempos da política necesitan ser pausados», aínda coa vista posta na «ruptura».

Na súa opinión, «o primeiro que hai que establecer» é «saber para que se vai» aos comicios e «que se pode conseguir» con eles, tamén coa finalidade de «defender a maioría social agredida».

En representación de Podemos, Marcos Cal tomou a palabra para reivindicar a construción da marea «de xeito colectivo», sendo «xenerosos e humildes».

Con este propósito, para conformar «un bloque político de cambio» que consiga «transformar a sociedade», apostou por dar pasos «con cautela e audacia», sempre dende unha «perspectiva estratéxica» e «non solo para as bases senón para «o total da cidadanía».

O membro de Compromiso por Galicia Manuel González, propugnando que a dinámica do traballo vaia «de abaixo a arriba», viu «compatibles» as metas de «ruptura do bipartidismo e cambio das estruturas do estado».

«É tempo de ser xenerosos e responsables», remarcou, despois de facer referencia á cita electoral catalá e ao «interesante escenario» que se abre de cara á «reforma do estado». A este respecto, precisou que a súa formación é «reformista» e non rupturista.

Luis Eyré substituíu Consolo Martínez por razóns de última hora en representación de Cerna, e avogou por unha confluencia «ampla» sen evitar referencias á plataforma Iniciativa pola Unión.

Por parte de Anova interveu Raúl Asegurado, por Equo fíxoo Pepe Bara, mentres que en representación de Espazo Ecosocialista falou Manel Cardoso.

PROGRAMA

O programa da xornada, que finalmente arrancou pasadas as 17,00 horas, inclúe o traballo de grupos e 15 minutos finais para a posta en común do debatido en cada subgrupo.

Xa para rematar, haberá un plenario e a posta en común das conclusións alcanzadas nos diferentes grupos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar