Máis de trinta actividades no programa Xuventude Galicia Net 2015

Xuventude Galicia Net

O Xuventude Galicia Net 2015, a gran party informática que se celebrará do 18 ao 20 de setembro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, acollerá no seu marco un atractivo programa conformado por máis de trinta actividades distintas.

As competicións terán un papel protagonista, coa celebración de catorce nas que se repartirán premios valorados en máis de 3.600€. As oficiais, as cales contarán con premios de maior relevancia, serán catro, centradas nos populares videoxogos League of Legends, Heartstone, Fifa 2015 e Counter Strike-Global Offensive (Cs Go).

Os restantes torneos do XGN 2015 serán propostas moi diversas, tales como o de Seguridade, no que os participantes poderán poñer a proba todos os seus coñecementos rompendo a seguridade dun sistema, o Neutraliza a Bomba, no cal os xogadores se encontran nunha habitación virtual na que hai unha bomba que deben desactivar, ou o RTB, un simulador de robots que loitan nunha batalla virtual.

Engadiranse a eles os centrados nos videoxogos Street Fighter, Heroes of the Storm e Quake 3, o de preguntas e respostas sobre informática e videoxogos, de lanzamento de disco duro, de parecidos razoables e tamén o Torneo de Kryneas Battlefield, un xogo de naipes de creación galega que se vende en toda Europa.

Neste programa de competicións soamente poderán participar os inscritos na zona Intranet da party, a cal terá un aforo máximo de 1.200 prazas.

MÁIS PROPOSTAS

Aos torneos do XGN 2015 súmanse moitas outras actividades, a inmensa maioría das cales serán de acceso libre tanto para inscritos como para todo tipo de público e estarán situadas na zona Extranet do evento.

Estas serán unha zona de videoxogos con consolas de última xeración, conferencias, proxeccións, a presenza dalgún recoñecido xogador profesional de videoxogos, xogos de mesa, rocódromo, pistas de fútbol e baloncesto, futbolíns, mesas de ping-pong e de discos, simuladores de velocidade e de circuítos e pista de karting, na cal se farán mini campionatos.

Completarán esta ampla oferta a realización dunha actividade relacionada co videoxogo de construción Minecraft UHM durante todo o evento e a conexión na party do programa de compartición de arquivos Dc++ empregado para montar un servidor con material acumulado dende fai 20 anos.

Este completo programa súmase á proposta do XGN 2015 para convertelo na gran party informática de Galicia, a cal contará co respaldo das entidades que apoian á Fundación Semana Verde de Galicia de xeito permanente, como son a Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Abanca, e tamén de colaboradores como o Concello de Silleda.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar