A Volta Ciclista a España 2016 sairá de Ourense

Baltar_Nava Castro_Volta Ciclista a España dende Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e o director da «Vuelta a España», Javier Guillén, anunciaron en Medina del Campo que a 71ª Edición da «Vuelta», que se celebrará o vindeiro verán de 2016, sairá por primeira vez na historia da provincia de Ourense. O feito de ser o punto de partida, acollendo a primeira etapa deste evento ciclista, foi cualificado como «unha excelente noticia» polo presidente do goberno provincial, quen destacou «o gran impacto promocional e económico que suporá que a «Vuelta» comece na provincia de Ourense, con máis de dúas mil persoas integrando o dispositivo dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo». Manuel Baltar considera que a nosa provincia «será un magnífico escaparate para difundir toda a nosa riqueza natural, artística, histórica e turística, con enclaves tan singulares como a Ribeira Sacra».

«A importante repercusión mediática da «Vuelta» contribuirá a destacar a singularidade de que a provincia de Ourense é un dos destinos termais máis importantes do mundo», afirmou o presidente do goberno provincial, quen subliñou o ámbito internacional que acada o termalismo na nosa provincia –centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- e os aspectos técnicos, paisaxísticos e de infraestruturas termais «que fan de Ourense un dos territorios do mundo con mellores condicións para actividades turísticas, de lecer e terapéuticas neste eido, fortalecido todo elo polo Plan «Ourense, a provincia termal» que lle dará a este sector estratéxico o impulso necesario para converter aínda máis ao termalismo nun dos grandes motores da economía ourensá». Baltar expresou que é moi importante «que toda a rede de balnearios sexa fundamental neste paso da Vuelta por Galicia».

Os organizadores estiman que o impacto dunha etapa da «Vuelta» sitúase ao redor de 350.000 euros, contando os ingresos directos en hostalería e combustible, entre outros, aos que hai que engadir a repercusión mediática e promocional en todo o mundo (chega a 178 países). A isto súmase o importante número de persoas acreditadas para seguir a «Vuelta» que, incluíndo aos xornalistas nacionais e internacionais, son ao redor dunhas mil, aínda que a caravana completa, que abrangue equipos, seguridade, organización e prensa, está formada por unhas 2.500 persoas.

Javier Guillén dixo: «Agardamos que a Vuelta siga co éxito deportivo de ata o de agora. Fai catro ou cinco anos tivo un importante reencontro con Galicia, un dos territorios que máis nos ten dado en cuestión de percorridos e agarimo».

Nava Castro dixo estar «moi satisfeita e contenta coa saída da Vuelta de Ourense «un escaparate que nos serve para aumentar o turismo, algo que xa temos notado nos últimos anos».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar