A Praia das Catedrais recibíu en agosto 120 mil visitantes

As Catedrais_2

   Un total de 120.718 persoas visitaron durante o mes de agosto a Praia das Catedrais, no concello lucense de Ribadeo, un 92 por cento deles con autorización previa da Xunta dentro do novo sistema posto en marcha este ano.

Segundo informou o Goberno galego, o balance de agosto bota unha media diaria de 3.870 visitantes e 14 días nos que se completou a cota establecida no plan de conservación, de 4.812 visitantes ao día.

Con estes datos, a Xunta destacou o correcto funcionamento do sistema de regulación de accesos posto en marcha o 1 de xullo para conservar este espazo protexido, limitando a asistencia masiva ao ámbito.

No mes de xullo foron un total de 75.253 os visitantes que se achegaron á Praia das Catedrais, o que supón unha media de 2.427 persoas ao día. O 74 por cento dos visitantes adquiriron autorización previa durante ese mes e non se alcanzou ningún día a cota máxima.

PERFIL DO TURISTA

Respecto ao perfil do turista, a Xunta destacou que o 4 por cento dos visitantes deste espazo durante ambos os dous meses era estranxeiro, un 15 por cento proviña de Galicia e o 81 por cento do resto de España. Un 3,5 por cento dos que visitan a praia pasan a noite en Ribadeo.

De feito, a falta de obter os datos do mes de agosto, a demanda hoteleira na Mariña Lucense durante o mes de xullo rexistrou incrementos tanto na cifra de viaxeiros aloxados (19,3 por cento) coma nas pernoctacións (11,5 por cento).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar