Os areais de Redondela, Vigo e Boiro en «Aquí ai praia» da TVG

Aquí Hai praia_TVG

O programa de verán “Aquí Hai Praia” continuará este xoves a coñecer destinos espectaculares do máis recomendable para calquera amante da natureza, do mar e dos tesouros paradisíacos que agocha a nosa Comunidade. Nesta edición, o espazo comezará en Redondela o seu percorrido semanal desde o areal de Cesantes, cun “bronceado” Capitán Nemo coma eterno vixiante, lendarios tesouros afundidos e a espectacular illa de San Simón coma fondo de postal. A célebre e inqueda praia de Cesantes está trufada de boas historias dignas de ser descubertas, contadas e sobre todo, escoitadas.

O areal de Tombo do Gato, coñecido popularmente en Vigo como A Fonte, representa unha tipoloxía de praia moi diferente á súa irmá maior Samil. Fronte a ela, A Fonte responde ás demandas dunha praia familiar e case íntima, máis de habituais que de turistas pero igualmente visitada e inscrita na contorna urbana da cidade olívica.

Seguindo a estela doutros areais cantábricos, a praia do Coto, no concello lucense de Barreiros, fai gala dunha longa tradición surfeira que vai xa pola segunda xeración. De novo, atopamos na súa particularidade unha praia a descubrir que deixa pegada na memoria dos seus habituais e visitantes, cunha mestura de procedencias que de novo evidencia os profundos vínculos que unen á Mariña Lucense coas costas asturianas.

Cambiando de provincia, a praia de Carragueiros, en Boiro, mestura a vida tradicional propia dun pobo de costa coa asimilación do seu potencial como destino turístico. Nese mesmo nivel, Carragueiros recolle no seus habituais un equilibrio entre visitante e residente, que introduce no seu diario unha concepción curiosa e moderna do tempo de estío.

As visitas aos areais rematan nesta edición na praia da Barca, na Pobra do Caramiñal, un lugar onde a xente bota raíces. As posibilidades da súa situación privilexiada e o aproveitamento das mesmas, traducido en servizos aos veraneantes, fai que a experiencia de vivir na praia cobre, neste areal, un sentido tradicional que queda reflectido na memoria de quen a coñece.

CASAMOS!
​A paixón polos cabalos foi o que uniu a Jessica e Borja. Desde Viveiro chega esta parella a “Casamos!” para amosarlles aos espectadores o día máis feliz das súas vidas. Ambos os dous coñecéronse nunha feira cabalar e Jessica apareceu na vida de Borja cando el máis o necesitaba.

Os comezos nunca son doados para as parellas, pero agora xa levan máis de cinco anos xuntos e ambos os dous decidiron dar este feliz paso nas súas vidas. Con estes dous mozos cúmprese o refrán de “O amor pode con todo”.

Jessica será a encargada de facer todos os preparativos da voda mentres que Borja traballa. Ela controlará todo para que nada saia ao revés neste día tan feliz nas súas vidas e nada estrague a súa gran voda campestre.
O enlace desta semana en “Casamos!” será moi orixinal e estará cheo de sorpresas e emocións que darán moito que falar na súa vila.

AMOR NA REDE

​A Televisión de Galicia segue buscando parella cada xoves a unha nova persoa. O programa “Amor na Rede” recibe esta semana a Carlota, unha viguesa de 31 anos que é unha auténtica “friki” das bandas deseñadas manga. Esta rapaza considérase unha privilexiada xa que fixo da súa paixón o seu traballo. Actualmente dedícase de xeito profesional a debuxar e escribir cómic, pero o seu sono sería poder facelo en Xapón.

Pero tanto tempo metida dentro dos seus cómics deixoulle pouco tempo para vivir na vida real. Tras un matrimonio de tres anos, Carlota non tivo a oportunidade de atopar un novo amor, e por iso vén ao programa, coa intención de facer borrancho e conta nova no cómic da súa vida.

Esta viguesa agardará a chegada de David, un coruñés de 33 anos entusiasta da Guerra das Galaxias. Leva solteiro tres anos e atrás deixou unha relación de cinco. Este rapaz pensa que xa é hora de que “a forza o acompañe” e o quite do lado escuro da solteiría, para atopar a súa Princesa Leia.

Estes dous mozos terán que colaborar da man, nun escenario moi diferente ao que coñecen, para probar a súa compatibilidade. O humor, as sorpresas e as probas de fe son algo que está garantido na noite do amor da Televisión de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar