Maldito Demo!

Saíu do taller, para ir a recoller á muller e ao fillo. Mesmo ao incorporarse á estrada principal, os motoristas multárono, por non facer stop, por xirar á dereita sen poñer a intermitente e por ir falando co teléfono. Decontado chegou á casa. A muller sentou adiante, co gato no colo, e detrás colocaron ao fillo na cadeira, ao lado do can, Anxeliño. Ao pouco de emprender a ruta, aparece outra parella de Gardas Civís. Novas multas, unha pola falta de homologación da cadeira e outra, por non levar ao cadelo na maleta e separado cunha rede que lle impedira lamber ao pequeno.

Despois, o condutor apura a marcha e, ao pasar por xunto do radar do Marquiño, decátase que a velocidade era superior á permitida. Outra multa! Virá sen retirada de puntos, probablemente. Ao chegar á cidade de destino, atópase cunha rúa cortada por obras e, seguindo o itinerario marcado polo GPS, entra por unha provisionalmente prohibida e sen saída. Alí estaba unha municipal para tomar nota e zas! Outra multa.

Superado malamente este incidente, segue en dirección ao hotel e aparca, ao lado da entrada, en zona de «carga e descarga». Acompaña á muller, levan ao fillo, ao can, ao gato e aos outros paquetes para o hotel e, cando o home regresa, o coche tiña unha multa anunciada no parabrisas. Foise buscar ao garda co boleto na man e cando volveu, sen atopalo, non tiña o coche. Chamou un taxi e foi a recollelo ao deposito da grúa, alá ás aforas. Ao saír, apartando dunha señora malhumorada, rompeu o retrovisor do seu lado contra a columna de formigón. Cando se aproxima ao hotel, vaise á esquerda para adiantar ao camión das cervexas e choca cun turismo que andaba na súa mesma dirección. Non lle pasou nada. Un parte amigábel e a grúa de asistencia solucionaron o problema. Maldito Demo! Xa o dicía a Tía Manuela, cando veñen mal dadas, veñen! Non hai precaución nin xeito que valla.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar