Deputación e Concello de Ourense reafirman a sua colaboración

Baltar recibe a Xesús Vázquez

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, con que mantivo un novo encontro de coordinación entre ámbalas dúas institucións logo do celebrado o pasado 22 de xullo no que se constituíu o Comité de Cooperación Permanente entre Deputación e Concello de Ourense.

As dúas administracións seguirán a manter unha fluída colaboración institucional, tal e como manifestaron Baltar e Vázquez aos medios de comunicación trala reunión celebrada no despacho do presidente do goberno provincial. Froito desta colaboración, a Deputación de Ourense achegará en dúas anualidades, 2015 e 2016, un total de 250.000 euros á capital ourensá para actuacións nos ámbitos termal, cultural, turístico e de infraestruturas deportivas.

Manuel Baltar e Jesús Vázquez avanzaron temas de cooperación «de interese común para a cidade e a provincia», explicou o presidente provincial, quen e agradeceu «a máxima receptividade por parte do rexedor local para traballar conxuntamente entre as dúas administracións».

Por primeira vez o Concello de Ourense entra no Plan Provincial da Deputación, en 2016, cun orzamento de 52.500 euros que se destinará a ao ámbito rural da capital. As bases do dito Plan Provincial aprobaranse o vindeiro 25 de setembro, explicou Manuel Baltar, mes no que tamén aprobará a Corporación Provincial os orzamentos de 2016, que estarán plenamente operativos no vindeiro mes de xaneiro.

A Deputación tamén achegará en dúas anualidades un total de 85.000 euros para o Festival de Cine (35.000 € neste ano e 50.000 € en 2016), e 112.000 euros para infraestruturas deportivas en Santa Cruz de Arrabaldo, en concreto para a construción das bancadas do campo de fútbol. Ademais, ámbalas dúas institucións crearán unha web cultural conxunta co obxectivo de coordinar a axenda da actividade cultural.

 

TERMALISMO

 

O apoio termal é outro dos eixos estratéxicos desta cooperación institucional, tal e como puxeron de manifesto o presidente provincial e o alcalde de Ourense, algo que se verá reflexado na mellora dos accesos ás Pozas do Muíño e A Chavasqueira, obra que acometerá a Deputación Provincial; así como a inclusión dunha partida específica nos orzamentos municipais do Concello de Ourense para o ano 2016, referida ao Plan Termal Provincial e outra por parte da Deputación destinada ás vilas e concellos termais da provincia de Ourense.

Tamén no eido cultural, o Concello de Ourense cederá á Deputación Provincial o uso dun edificio no Casco Histórico onde se centralizarán actividades lúdicas e culturais, e no que respecta ao Turismo, o Concello de Ourense integrará á Deputación de Ourense na Oficina Municipal de Turismo, co fin de abrir o abano turístico a toda a provincia, potenciando tamén a información de toda a provincia na propia cidade, complementando e completando deste xeito á oferta existente a día de hoxe.

 

ARCEBISPO JOSÉ RODRÍGUEZ CARBALLO

Baltar_arcebispo de Belcastro José Rodríguez Carballo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no seu despacho do Pazo Provincial ao arcebispo de Belcastro e Premio Ourensanía 2013, monseñor José Rodríguez Carballo, de visita estes días na provincia de Ourense para participar na Novena e nos actos litúrxicos en honor á Virxe dos Milagros, que se celebran ata o vindeiro 8 de setembro. Na reunión, Baltar e Rodríguez Carballo falaron tamén de temas sociais da provincia e de cuestións do ámbito cultural.

José Rodríguez Carballo recibiu en 2013 o Premio Ourensanía, un recoñecemento honorífico que concede a Deputación de Ourense a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. En concreto, Rodríguez Carballo foi distinguido por elevar os valores da Ourensanía a unha dimensión internacional, pola súa inxente obra teolóxica e pola súa defensa da identidade do noso, especialmente no ámbito da cultura e a lingua propia de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar