Quintana aposta por «non buscar inimigos» no lácteo e xerar riqueza

 

   A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, apostou este domingo por «non buscar inimigos» dentro do sector lácteo –en referencia a produtores, industria e distribución– e por conseguir que unha materia prima de «tanta calidade» como o leite galego non xere «manifestacións», «pobreza» e «ruído», senón «riqueza».

Neste sentido, Quintana remarcou, nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, que non só defende á industria e á distribución, senón a todos os sectores que dependen do seu departamento. «Equivocámonos cando enfrontamos a uns fronte a outros, cando todos somos necesarios,», opinou ao respecto.

É máis, a titular de Medio Rural asegurou que a filosofía do seu consellería «se encardina» na Lei da Cadea Alimentaria, que pasa por «transparentar a construción de valor» para «equilibrar a repartición de beneficios» entre «tódolos participantes da cadea», o que non repercutirá, avisou, «negativamente» no consumidor.

«O que busca a Lei da Cadea Alimentaria, o que marcan as leis da competencia, é que non se pode estar a vender nada por debaixo dos custos de produción. Iso é o que intenta esta lei, partindo do que custa producir a cada un o seu litro de leite, que poida ter beneficios que lle permitan ter á súa explotación viable,», explicou.

Preguntada por se é posible que a distribución modifique determinadas modalidades de compra e a industria estableza contratos estables, Quintana considera que si é posible se hai «vontade abonda» por parte das partes implicadas para chegar a acordos. De feito, cre que é «doado» e que non se lle esixe «grandes sacrificos a ninguén», senón «un poquito de sentido común e de sensibilidade».

«A MIÑA DIMISIÓN PÍDENA CON FRECUENCIA»

A Conselleira do Medio Rural tamén foi cuestionada sobre as voces que piden a súa dimisión, ao que respondeu do seguinte xeito: «A Miña dimisión, por sorte ou por desgracia, pídena con frecuencia».

«Se eu falo coa industria para que sexan capaces de ver a necesidade de manter as nosas explotacións en activo e alguén se embaza en dicir que manteño reunións secretas con alguén, dende logo, o que interpreto, é que me está a poñer paus na roda para que non poida sensibilizar á industria co necesario apoio que ten que ter cara ao sector produtor», relatou.

Sobre as mobilizacións celebradas, asegurou que respecta «a liberdade que ten cada un» para manifestarse», pero cre que a administración está a traballar «dende o minuto un» para «poñer medidas a curto, medio e longo prazo».

ORGANIZACIÓN

Sobre a situación do sector lácteo en Galicia, considera que este fixo «moitos avances» no que respecta á «eficiencia e eficacia» das súas explotacións. Non obstante, subliñou que queda un «deber urxente por facer», que pasa por «organizarse» e «estruturarse».

Así, sostén que cada gandeiro é un empresario e, por iso, ha de ter a «forza suficiente» para organizarse, para planificar a súa produción e para decidir cara a onde quere destinar o seu produto. «Só se pode facer dende unha organización forte», resolveu.

«Temos un novo reto, agora non temos unha limitación á produción», resaltou a conselleira, para logo recordar que, tras a desaparición das cotas lácteas, os gandeiros teñen a «capacidade de producir libremente».

De igual modo, asegurou que a cotización do leite nos mercados internacionais «non é un problema de Galicia», senón que hai «unha caída dos prezos en todo o mundo»: «11 países da Unión Europea teñen o prezo do leite por debaixo dos 28 céntimos».

AXUDAS DE MÍNIMOS

Quintana tamén apoiou a posibilidade de que as axudas de mínimos para atallar os casos máis graves de baixos prezos do leite poidan ampliarse e alcanzar mesmo ao dobre de gandeiros dos inicialmente previstos.

«Nós –a Xunta– falamos dunha orde de axudas para que poidan solicitar unha moratoria daqueles que teña prestamos que solicitaran plans de mellora sen que a eles lles custe nada facer esa amortización», explicou.

Tamén se referiu a unha orde de axudas para pasivo e outra para circulante co obxectivo de que os gandeiros poidan facer fronte a determinadas débedas que poidan ter, como alimentar animais ou facturas pendentes. A esta, súmase a campaña de produción do consumo.

Sobre a reunión do 7 de setembro, espera que se adopten medidas que sexan capaces de consensuar os ministros de Francia, España, Italia e Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar