Hoxe, Gala contra o Cancro en Vilagarcía, retransmitida pola TVG

Gala contra o Cancro Vilagarcía TVGO lado máis solidario dunha das grandes orquestras da nosa comunidade chega esta noite á Televisión de Galicia. A tradicional “Gala contra o cancro” reúne cada ano no recinto ferial Fexdega de Vilagarcía de Arousa un cartel de artistas de renome no panorama da música pop nacional. Desta volta, Luís Fonsi ou David Bustamante son a cabeza do cartel desta oitava edición.

Aínda que non son os únicos artistas que acudirán a esta gala, que emite esta noite a Galega. Lito Garrido e a súa banda encherán o pavillón de exposicións con máis de 20.000 persoas grazas a este grande elenco. O músico portorriqueño Luís Fonsi é o grande reclamo deste ano, o cantante latino gañador dun Grammy xa estivo noutras edicións, pero por motivos de axenda, tivo que deixar de vir e tras declinar varias invitacións, finalmente nesta ocasión fixo un oco para poder estar sobre o escenario da Panorama.

Pero o cartel complétase coa figura da cantante estremeña Soraya, que interpretará o seu derradeiro tema “You didn’t do it!” e outros moitos do seu repertorio. Pero isto non queda aquí, posto que esta estrela do pop nacional tamén será a encargada de presentar o evento xunto con Lito Garrido.

Pero o cartel ten nomes de grande sona como son os rapaces do grupo Auryn, a “boyband” española que está moi de moda entre os adolescentes. Canda eles, estarán os seus compañeiros os Gemeliers, dous xemelgos andaluces que se deron a coñecer nun concurso musical de Canal Sur e que agora están a vender milleiros de discos en todo o mundo.

India Martínez, gañadora dun Goya á mellor canción na película “El Niño” e Pablo Gómez, andaluz candidato a un Grammy Latino tamén actuarán esta noite. Os sons máis cálidos virán da man de Danny Romero, DKB e Romántico Latino, que porán o toque caribeño á cita. Pero todo isto sen esquecer as actuacións da orquestra Panorama, que este ano presenta o espectáculo “The Game Tour”.

Todo este despregamento de artistas ten un claro obxectivo: recadar fondos para a Asociación Española contra o Cancro. O ano pasado devandita asociación recibiu 20.000 euros, cartos que se empregaron para financiar tanto tratamentos coma programas de investigación sobre esta enfermidade e bolsas para oncólogos que poidan operar a nenos no estranxeiro, entre outras moitas accións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar