A TVG segue a ruta polas praias galegas

Praia Amércia_meandros_sen xente

A Televisión de Galicia continúa na súa teima de percorrer todos os areais da nosa comunidade a través do programa “Aquí hai praia”. Desta volta, o equipo visitará areais de todo tipo, dende os máis turísticos, pasando por paraxes naturais case virxes e rematando por pequenas praias con encanto.

A ruta desta semana comeza en Praia América, no concello pontevedrés de Nigrán. A característica que ten esta praia é que é das máis visitadas do sur de Galicia. Un areal de 1,9 quilómetros e un lugar perfecto para gozar de gastronomía con restaurantes a pé de praia, paseos pola natureza e unha infinidade de servizos para os bañistas.

Hai que lembrar que Galicia é unha comunidade bañada tanto polo Atlántico coma polo Cantábrico, e unha das xoias deste litoral é a praia de Llas, en Foz. Esta praia reparte o seu cariño entre galegos e asturianos. O característico deste areal lucense é que conta cunha zona de dunas que a arrodea entre outros puntos de interese natural.

Na súa seguinte parada, o equipo de “Aquí hai praia” contará cun guía de excelencia. O campión do mundo de kite surf, Abel Lago, será o encargado de amosarlles aos espectadores os encantos que ten o areal de Area Maior, no concello coruñés de Louro. Os ventos desta praia foron os que lle axudaron a Abel Lago a adestrarse para acadar o seu galardón de campión mundial.

A ruta segue pola provincia da Coruña e a seguinte parada será a praia de Coroso, en Ribeira. Os servizos desta praia son dunha calidade estupenda e están enfocados principalmente á vida en familia. Os veraneantes deste lugar volven ano tras ano, transformando o lugar no epicentro turístico da vila.

A derradeira visita é a un dos tesouros das Rías Baixas. En Bueu está a praia de Area de Bon, un lugar de xente inqueda que oferta diferentes actividades para toda a familia. Os máis aventureiros poden gozar de paseos en canoa e mergullarse para contemplar a fauna submarina da contorna. As aventuras sobran neste sitio.

 

CASAMOS!

Vera e Dani xa perderan as esperanzas de atopar un novo amor. As segundas oportunidades ás veces chegan cando menos se esperan e este é o caso desta parella, que contará a súa singular historia esta noite en “Casamos!”. Un encontro nunha estación de autobuses cambiou a vida destes dous mozos para sempre.TVG_Casamos

O romance deu froito a unha familia numerosa. De socato esta parella xuntouse con seis fillos e, malia que Vera descartara casar de novo, o seu compañeiro Dani fixo que rapidamente cambiase de opinión.

Os preparativos acumúlanse e queda moi pouco para a voda. Dani e Vera queren coidar todo ata o último detalle. O seu esforzo pagará moito a pena cando o día da voda vexan que todo saíu como esperaban e que poderán lembrar ese día como o máis feliz das súas vidas.

 

AMOR NA REDE

 

Tras ofrecer “Casamos!”, a Televisión de Galicia continúa o xoves á noite a fomentar o seu lado máis romántico e emotivo coa emisión de “Amor na Rede”. Nesta ocasión, o programa fará de celestino con Borja e Cristina, dous mozos orixinarios de Santiago e Tui, respectivamente.

Ás veces a vida profesional deixa pouco espazo para o amor, xa que entregarse moito cos proxectos pode levar a descoidar a vida sentimental. Deste xeito, “Amor na Rede” intentará que o amor se abra paso na vida de Borja, un dos protagonistas de hoxe. Solteiro desde hai menos dun ano, é un actor de 27 anos que soña con ensinar teatro, unha paixón que considera terapéutica. Despois de rematar cunha relación desgastada pola distancia, agora agarda atopar unha muller activa e positiva que lle faga camiñar cara adiante.

A proposta de “Amor na Rede” será Cristina, unha empresaria de 26 anos que ten moi claro o que quere e o que non. A día de hoxe, esta emprendedora de fortes conviccións só ten un gran amor, a fotografía. Tras sete anos solteira, Cristina acode ao programa coa esperanza de dar cun home intelixente, ambicioso e que, sobre todo, a saiba facer rir.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar