79 aniversario do fusilamento do galeguista Alexandre Bóveda

Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira_Pontevedra
Homenaxe a Alexandre Bóvieda na Caeira.

 

Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.

TRAXECTORIA

Dende moi neno adicouse ó estudo do francés e da contabilidade. Estudou peritaxe mercantil na Escola de Comercio da Coruña por libre, ó mesmo tempo que impartía clases ós máis novos nun colexio de Ourense. Asiduo lector da Revista Nós pronto comezou a escribir en La Zarpa de Basilio Álvarez. Foi nas follas deste xornal onde se deu a coñecer como un gran comunicador.Bóveda publicou artigos en El Pueblo Gallego
Logo participou nunhas oposicións en Madrid a unha das dez prazas de xefe de Facenda do estado conseguindo o número un en 1924. Por este motivo José Calvo Sotelo ofrécelle un posto no seu Comité de Intervención de Cambios; porén Alexandre rexeitou a oferta e volveu a Galiza para traballar na delegación de facenda de Ourense. Tras aprobar outras oposicións marchou a Pontevedra a ocupar o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos. Pronto tomou contacto co faladoiro que presidían Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez e viuse envolto nas actividades dos dous galeguistas. Ámbolos dous introducírono na política e noutros campos, como a Coral Polifónica, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego (filla de Xerardo Álvarez Limeses), coa que casou o 20 de outubro de 1930 no Mosteiro de San Xoán de Poio e coa que tivo cinco fillos.

 

No 1930 convértese no primeiro director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. En 1928 e 1929 recibira unha bolsa da Deputación de Pontevedra para viaxar a Barcelona e Guipúscoa para estudar o funcionamento das Caixas de Aforros.

 

ESTATUTO DE AUTONOMÍA

En 1932 participou na asemblea pro-estatuto que se celebrou en Santiago de Compostela e resultou elixido membro da comisión redactora. Tivo un papel moi activo na redacción do estatuto e na Asemblea de municipios que se creou para debatelo. En 1933 foi elixido membro do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio Tafall. O 20 de outubro de 1934 publicouse unha orde ministerial impoñéndolle un destino administrativo forzoso na delegación de facenda de Cádiz. Retornou no outubro do ano 1935 a Galiza ó obter unha praza na delegación de facenda de Vigo.
En 1936 participou na campaña electoral, á que acode como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense mentres tomaba posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra. Tralo Alzamento Nacional foi detido o 20 de xullo de 1936 acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio). Na madrugada antes do seu fusilamento escribiu varias cartas, a derradeira delas dicía así:

Madrugada do 1.936
Querido Vitín:
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben.
Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.
Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.
Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre.
P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós. -ás 5 e 1/4.

Está enterrado no camposantao de San Amaro. Alexandre Bóveda é un dos mitos do galeguismo. Foi convertido en martir pola defensa da liberdade e dos seus ideais.

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar