Detenido un compostelán acusado de estafar 7.500 euros facéndose pasar por un banco

A Policía Nacional detivo o pasado xoves un veciño de Santiago de Compostela acusado de estafar 7.500 a unha parella de Castellón cun método coñecido como ‘Phising’, que consiste en conseguir as claves secretas de banca ‘online’ das vítimas facéndose pasar pola súa entidade bancaria.

Segundo informou a Comisaría Local da capital galega nun comunicado, o detido, de 27 anos, conta con antecedentes por delitos similares e supostamente subtraeu o diñeiro das vítimas tras suplantar a identidade do seu banco a través dun correo electrónico.

A técnica do ‘Phising’ — modificación do inglés ‘fishing’, que significa pescar– consiste en facerse pasar por un banco, unha entidade financeira ou unha tenda de Internet imitando o deseño utilizado por estas entidades nos seus correos electrónicos.

Os estafadores póñense en contacto coas vítimas alegando que «por motivos de seguridade, mantemento, mellora do servizo ou calquera outra causa» deben actualizar os seus datos persoais, segundo explicaron as forzas da orde.

Tras iso, os delincuentes «infectan» os ordenadores ou dispositivos móbiles das vítimas para «espiar» a súa liña de acceso a Internet e conseguir as claves secretas.

Por último, empregan a un «terceiro enganado» e utilizan a súa conta bancaria «como ponte» para que «retire o diñeiro e o mande por medio de servizos de envío de diñeiro de complicado rastrexo».

O presunto estafador prestou declaración o pasado xoves tras a súa detención e foi posto en liberdade á espera de xuízo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar