Rueda e Louzán pechan a cesión dos terreos do novo edificio xudicial de Pontevedra

Alfonso rueda_Lorez_concello de Pontevedra_sinatura cesión terreos A Parda

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para ratificar a aceptación dos terreos que o Concello lle vai ceder na Parda para construír un novo edificio xudicial de máis de 20 millóns de euros.

Segundo explicou o vicepresidente, tratase dunha infraestrutura moi merecida e necesaria na Cidade do Lérez polo que o Executivo autonómico quere licitala á volta do verán e así poder adxudicar as obras antes de que remate o ano. Deste xeito, pecharase o camiño e o calendario para que a cidade de Pontevedra conte por fin co seu novo edificio xudicial.

Isto será posible grazas á rápida actuación da Xunta, que xa encargara os proxectos básico e de execución do edificio ao tempo que se facían as expropiacións. O obxectivo, como se ten manifestado en moitas ocasións, era “non perder nin un minuto” e en canto se tivesen os terreos comezar de inmediato a construír a nova sede xudicial.

 

COOPERACIÓN ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS

 

Rueda destacou a aposta que se está a facer pola Xustiza, as cidades galegas e polos seus cidadáns e agradeceu a colaboración do Concello pontevedrés neste caso. A cooperación entre administracións é a clave do ambicioso plan de infraestruturas xudiciais da Xunta, que está permitindo renovar e poñer en marcha novas instalacións ao servizo da Administración de Xustiza en toda a comunidade galega.

Ademais de asinar a aceptación dos terreos, Rueda aproveitou encontro para amosarlle ao alcalde e ao seu equipo as últimas achegas feitas ao proxecto polos profesionais da Xustiza. O novo edificio busca o mellor para os seus usuarios e por ese motivo mantivéronse distintas reunións ao longo do proceso con todos os actores xudiciais, que aportaron as súas opinión e suxestións.

As últimas achegas foron feitas nas últimas semanas, despois de que o Concello anunciase finalmente a cesión dos terreos. Estes aportes, que serán incluídos no proxecto antes de licitar a obra, axudarán a enriquecer a nova sede xudicial, facela máis útil e asegurar que preste o mellor servizo aos traballadores dos xulgados e a todos os cidadáns.

O novo edificio xudicial de Pontevedra contará con máis de 21.000 metros cadrados e espazo para albergar máis de 28 unidades xudiciais. O inmoble agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade e estará comunicado a través dunha pasarela co actual edificio xudicial, formando un único complexo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar