Controlados os incendios de Ourense, Viana do Bolo e Pereiro de Aguiar

A Consellería do Medio Rural e do Mar informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata agora que sinalzan que quedaron controlados os lumes da parroquia de Castro de Beiro, no Concello de Ourense, así como os de Viana do bolo e Pereiro de Aguiar.

Asimesmo quedaron extinguidos os lumes de Entrimo, Lousame e Vimianzo.

Os que seguen son os datos oficiais da consellería.

Controlado Ourense
Controlado ás 07:25 horas de hoxe o lume rexistrado no concello de Ourense, parroquia de Castro de Beiro, que se iniciou ás 00:10 horas de onte. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada está arredor de 30 hectáreas. Nos traballos de extinción levan participado 12 axentes forestais, 30 brigadas, 17 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 1 avión.

Controlado Viana do Bolo
Controlado desde as 00:15 horas desta madrugada o lume rexistrado no concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Pradorramisquedo, tras comezar o luns ás 21:38 horas. Segundo estimacións provisionais, afecta a 294,5 hectáreas rasas de Rede Natura. Na súa extinción levan traballado 7 axentes forestais, 16 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 1 avión.

Controlado O Pereiro de Aguiar
Está controlado desde as 16:02 horas de onte o lume rexistrado o domingo ás 23:40 horas no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, parroquia de Vilariño. Segundo estimacións provisionais, afecta a 22 hectáreas de superficie rasa. Na súa extinción levan traballado 5 axentes forestais, 15 brigadas, 10 motobombas, 10 helicópteros e 9 avións.

Extinguido Lousame
Quedou extinguido ás 21:10 horas de onte o incendio rexistrado no concello coruñés de Lousame, parroquia de Tállara, que afectou a 36,68 hectáreas arboradas e 4 rasas. Este lume iniciouse ás 15:15 horas do domingo e na súa extinción traballaron 1 técnico, 9 axentes forestais, 27 brigadas, 11 motobombas, 2 pas e 5 helicópteros.

Extinguido Vimianzo
Extinguido desde as 22:07 horas de onte o incendio rexistrado no municipio de Vimianzo, parroquia de Carnés, que comezou tamén onte ás 01:17 horas. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada foi de 66,33 hectáreas arboradas e 65 rasas. Na súa extinción traballaron 10 axentes forestais, 14 brigadas, 12 motobombas e 2 pas.

Extinguido Entrimo
Quedou extinguido ás 21:15 horas de onte o lume iniciado ás 17:50 horas do luns no concello ourensán de Entrimo, parroquia da Pereira. Segundo estimacións provisionais, afectou a 20,5 hectáreas rasas e 0,5 hectáreas arboradas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Na extinción deste lume traballaron 1 técnico, 5 axentes forestais, 17 brigadas, 9 motobombas, 7 helicópteros e 6 avións.

Información actualizada sobre a situación dos lumes forestais na conta de Twitter @incendios085.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar