Feijoo revela novos proxectos na construcción naval

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou esta mañá o compromiso do Goberno autonómico de seguir traballando e apoiando ao estaleiro ferrolán -Navantia- “coas posibilidades e coas capacidades económicas e industriais que ten o Goberno sabendo que o estaleiro ferrolán é unha empresa pública e en consecuencia sen ningunha competencia da Xunta”. No seu encontro co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, ambos os dous mandatarios coincidiron na mellora da situación que ocupa ao naval ferrolán xa que “onde antes había cero pedidos, agora hai unha situación de carga de traballo” e “onde antes había gradas baleiras, agora hai unha situación de movementos significativos”.

Na xuntanza mantida co rexedor da cidade departamental, o naval foi o principal asunto abordado polos dous dirixentes. A este respecto, Feijóo lembrou que “cando chegamos ao Goberno no ano 2009 Ferrol non tiña un só contrato novo” e salientou a importancia da existencia de novos pedidos “despois de sete anos”. Tras valorar a situación do naval galego en xeral xa que “todos os estaleiros privados en Galicia están negociando ou xa materializaron novos contratos”, o presidente cifrou en 750 millóns de euros o investimento en contratos que ten asinados o estaleiro público ferrolán e sinalou que é unha contía “notable pero insuficiente” polo que “imos a seguir reforzando a nosa aposta polo naval”.

 

FLOTEL DE PEMEX

O presidente enumerou, tocante aos novos encargos de Ferrolterra, o acordo estratéxico asinado con Pemex dentro do que se botará o flotel nas próximas semanas; a construción do buque de acción marítima (BAM) para a Armada española; a transformación do buque Monforte de Lemos xestionada entre a Xunta e a Sepi; o precontrato para o deseño e equipamento dun LHD para a Armada de Turquía que supón unha carga de traballo do 100% no departamento de enxeñería de Navantia; a realización de 29 jackets de eólica mariña para Iberdrola; as 5 estruturas flotantes de eólica mariña para a filial de Statoil; o contrato de 2+2 petroleiros Suez-Max encargados por Ondimar do grupo Ibaizabal e que construirá o estaleiro de Ferrol xunto con Cádiz; así como recentes acordos no eido das reparacións que achegan carga de traballo suficiente.

No que atinxe ao traballo en prol do naval neste momento, o presidente da Xunta fitou cara dous sectores fundamentais como a construción civil e a diversificación, á que definiu como un “elemento estratéxico” e da que enunciou tres proxectos clave. Nun primeiro termo, Feijóo falou da eólica mariña e a súa compatibilidade coa construción naval, civil e militar; en segunda instancia destacou o hub gasístico que representa unha oportunidade par Reganosa como gran centro de distribución, para os estaleiros que aumentarán a súa capacidade de reparación e para o propio porto de Ferrol que gañará novos tráficos; e por último sinalou a importancia da conexión ferroviaria ao Porto Exterior de Caneliñas do que depende o futuro da terminal de contedores que se está instalando e que permitirá que o porto de Ferrol poida competir co resto dos portos de España. “Non facer esta infraestrutura e pegar na liña de flotación das capacidades de renovación e de emprego en Ferrol”, advertiu.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar