A Xunta achega a Santiago 2,32 millóns polo Estatuto da capitalidade

santiago de compostela

A Administración galega cumpre co compromiso de contribuír ao sostemento dos servizos derivados da súa condición de capital de Galicia e sede das institucións autonómicas, como establece a Lei 4/2002

O Consello da Xunta aprobou hoxe un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda, e o Concello de Santiago de Compostela para o financiamento do Estatuto de capitalidade desta cidade. O apoio económico da Xunta ao Concello de Santiago para facer fronte aos gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma ascende a 2.325.000 euros.

A Administración galega contribúe así ao sostemento dos servizos derivados da condición que ten atribuída Santiago de capitalidade de Galicia e sede das institucións autonómicas. A cantidade asignada en 2015 é un 1,2% superior á do ano anterior.

O 24 de xullo de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2002, de 25 de xuño, do Estatuto da capitalidade de Santiago de Compostela, co obxecto de regular o estatuto especial desta cidade como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma. Establécense así os mecanismos adecuados para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.

Neste marco, realizarase unha xustificación do financiamento que consistirá na certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control interno no Concello de Santiago, da toma de razón en contabilidade dos libramentos feitos pola Comunidade Autónoma de que os referidos importes derivan do establecido na Lei 4/2002, e de que estes foron destinados a financiar os gastos do Concello xurdidos como consecuencia de ser a capital de Galicia.

Deste xeito, e co obxectivo de establecer unha coordinación entre a Administración autonómica galega e o Concello de Santiago no referido ás competencias e responsabilidade derivadas da capitalidade, creouse o Consello da Capitalidade.

A fixación de Santiago como sede das institucións autonómicas derivou na necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servizos públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, determinados directamente pola presenza das institucións autonómicas no termo municipal.

Esta lei establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma co que se pretende contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do Concello motivados por este estatuto de capitalidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar