«Padre Casares» vive hoxe na TVG o estourido da fráxil paz de Louredo

Padre Casares_Louredo_TVG
“A vinganza de Delmiro” é o título da nova entrega de “Padre Casares” que a Televisión de Galicia ofrecerá esta noite (22.30 horas). Nesta ocasión, Puri e Elsa enfróntanse unha vez máis nas clases de cociña do concello. Maite está farta e moi tensa porque os veciños de Louredo non son precisamente dos que se deixan manexar. Delmiro dálle unha idea e a funcionaria non a desaproveita: técnicas de relaxación.

O que a priori era unha idea sensata deriva nunha tolemia das habituais: a creación dunha liña telefónica contra a tensión. Pero non a tensión de Maite, senón máis ben a de todos os veciños de Louredo. Porque a pobre Maite non só non conseguirá desestresarse, senón que pasará as noites en vela, atendendo os problemas domésticos dos seus veciños e sobre todo, as murmuracións, que en Louredo hainas a fartar.

Mentres, na casa reitoral espéralle unha sorpresa a Amelia: o último xesto altruísta de don Perfecto consistirá en dar asilo a un inmigrante en situación irregular. O mozo Abdul, chegado do Senegal, converterase no segredo máis grande que xamais tivese que ocultar a ama de chaves. Don Crisanto non debe sospeitar nada, cousa moi complicada.

 

ERA VISTO!

 

O espazo “Era Visto!”, inspirado en historias e personaxes do universo rural galego, seguirá hoxe coa súa proposta de humor costumista, un xeito diferente de achegarlle ao gran público unha comedia familiar alternativa á ficción tradicional, en que destacan as conversas de Moncho (Federico Pérez), un pai de familia que intenta afacerse aos cambios da sociedade, coa súa contorna.

No capítulo desta noite (22.00 horas), Lameiro non ten himno, máis alá dos cánticos a favor do Spórting, o equipo de fútbol local. Pero iso ten que cambiar xa, así que, coa axuda dos veciños, Moncho ponse mans á obra: hai que atopar un himno oficial para Lameiro.

A continuación, os espectadores verán como a morte do “Paletas”, enterrador de Lameiro, deixa un posto de traballo libre. Kevin é aspirante perfecto e, contra todo prognóstico, resulta ser un magnífico enterrador. Ata que ten un encargo algo especial.

Finalmente, no último sketch da noite de “Era Visto!”, Moncho decide chamar uns potentados árabes para que invistan en Lameiro. Toda a vila se vai preparar a conciencia para tan ilustre visita.

 

GALEGOS NO MUNDO

 

O equipo do programa “Galegos no mundo” desprazarase esta semana á cidade canadense de Vancouver. Considerada unha das urbes con mellor calidade de vida do mundo, é un lugar tranquilo pero de contrastes: nel pódense ver desde xente en bikini na praia ata cumios de montañas nevados. Vancouver, cidade cosmopolita que conta cunha poboación hispanofalante de máis de 10.000 persoas, é tamén unha das máis caras do mundo e unha das capitais da industria cinematográfica.

TVG_Galegos no Mundo

 

Un dos galegos en Vancouver co que falará o espazo da TVG (23.15 horas) é o xornalista das Pontes Roberto García quen traballa nun colexio para estudantes internacionais e amosará aos espectadores o xardín chinés do Dr. Sun Yat-Sen e a Davie Street, o barrio gay da cidade.

“Galegos no mundo” tamén se atopará con Gotchi Piñeiro, estudante que acompañará aos reporteiros a ver os tótems do Stanley Park; e con Daniel A. Ponte, da Lama, un enxeñeiro con quen o equipo do programa viaxará aos cumios de Whistler.

Outras das protagonistas da noite serán Beatriz Pascual, unha arquitecta coruñesa que chegou polo traballo do seu home e acabou traballando na mesma empresa ca el; e Anaïs Martín, que tamén marchou a Vancouver por amor e traballa como enfermeira. Con esta amante da natureza, “Galegos no mundo” achegarase ao Lynn Cannyon Park e a Gastown.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar