Os deportes marítimos centran a terceira entrega de «Aquí hai praia» na TVG

TVG_Aquí hai praia

 A TVG ofrece esta noite a terceira entrega do programa “Aquí hai praia” que percorrerá os areais galegos durante o verán. A partir das 22.00 horas, os telespectadores comprobarán que os areais non son só lugares para descansar e tomar o sol, senón tamén para a práctica deportiva.

O itinerario desta noite comezará na praia da Ladeira, no concello pontevedrés de Baiona, un destino ideal para campistas e amantes do paddle surf. Deseguido, sen saír da área de Vigo, o equipo do programa visitará o areal dos Olmos, onde os máis mozos darán consellos de moda e sobre como poñerse en forma.

Un longo salto cara á Mariña lucense achegará aos telespectadores a praia de Area Longa, no concello de Barreiros onde o equipo de “Aquí hai praia” xogará cos máis pequenos ao “sprörbol”, un xogo que combina mar e area.

E da Mariña á Coruña, alí os telespectadores poderán gozar dunha exhibición da arte marcial afrobrasileira da capoeira na praia do Matadero. Perfecta combinación de danza e loita nun lugar case paradisíaco que non lle ten nada que envexar ao areal brasileiro de Copa Cabana.

E finalmente, se estamos a falar de deportes acuáticos, non se pode esquecer o surf, estreitamente ligado á praia de Bastiagueiro, no concello coruñés de Oleiros. Alí os surfeiros daranse as súas primeiras mergulladas e amosarán os seus dotes nesta modalidade.

CASAMOS!

As historias de amor máis románticas, divertidas e entrañables, da man de parellas de noivos que celebran a súa voda en Galicia, serán protagonistas unha semana máis na TVG co programa “Casamos!”.

Os espectadores coñecerán esta noite (23.00 horas) a Jessica e Borja, que levan cinco anos xuntos, aínda que os seus comezos foron ben curiosos. Pero nunha relación non é todo de cor de rosa e os noivos tiveron que superar momentos críticos. Nada mellor que a chegada do pequeno André para consolidar o seu amor e hoxe están máis unidos que nunca.

Jesi e Borja teñen todo preparado para o seu enlace, pero, a medida que se achega o día, os nervios están a flor de pel. Por sorte, Borja saberá como calmar a súa moza e facerlle liberar tensións para o gran día.

AMOR NA REDE

Á media noite chega unha vez máis o momento de buscar na TVG o “Amor na Rede”, un programa de entretemento que conta co asesoramento de psicólogos expertos na busca de parella e cun emprego activo das redes sociais.

Os seus protagonistas son persoas de todas as idades que no momento presente, e polos máis diversos motivos, non teñen parella e están dispostos a dar un paso adiante co fin de atopala. Este é o caso de Camilo, un rapaz de 29 anos amante da arte, da moda e da noite, que, despois dunha relación frustrada de catro anos, decidiu protexerse de posibles decepcións. Agora, atópase ilusionado e con ganas de dar co seu home ideal.

Antes de comezar a andaina na busca do amor, cómpre desfacerse dos medos e inseguridades. Para iso, unha vez máis, “Amor na Rede” contará co asesoramento de Itzíar, a conselleira do programa. Aconsellado por ela, Camilo intentará rachar o muro que construíu ao seu arredor para poder abrirse ao amor.

Sergio vai ser o pretendente de Camilo. Ten 20 anos, é de Vigo, estuda para “personal shopper” e aínda non tivo unha parella formal, así que considera que xa é hora de atopala.

O primeiro encontro deixará as primeiras impresións, a proba de compatibilidade amosará os primeiros choques, e a cea romántica será determinante para descubrir se o amor finalmente triunfa. Nesta nova edición de “Amor na Rede”, sete escenarios serán testemuñas dun novo intento polo triunfo do amor onde non faltará o humor e, por suposto, o romanticismo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar