Mozos galegos nados en Venezuela trasladan a Miranda os seus retos

Miranda_visita de mozos galegos fillos de emigrantes en Venezuela
Miranda, no Centro Galego de Puerto La Cruz, a 300 quilómetros de Caracas.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou ás e aos socios, e coñeceu as instalacións, do Centro Galego de Puerto la Cruz, localidade da costa venezolana sita 300 quilómetros ao leste de Caracas, no estado de Anzoátegui, coñecida polo seu importante papel na produción e distribución de petróleo. Trala visita á sede e unha xuntanza coa directiva, Miranda mantivo un encontro coa mocidade vinculada á entidade, co gallo de coñecer as aspiracións, inquedanzas e retos de futuro, da xeración de galegos nados xa en terras venezolanas.

Así, o secretario xeral puido comprobar a intensidade coa que as e os mozos galegos nados na diáspora teñen intención e compromiso firme de manter e afondar nas súas raíces, fornecendo as ligazóns que os unen coa terra dos seus devanceiros. Boa proba dese compromiso é a activa participación da mocidade galega residente en Venezuela nos programas sociais e formativos desenvolvidos pola Secretaría Xeral de Emigración, tales como ‘Conecta con Galicia’ ou ‘Escolas Abertas’.

 

«O FUTURO DE GALICIA»

“Agrádame de maneira especial nesta viaxe –dixo Miranda- poñer rostro e nome ás mulleres e aos homes que conforman o futuro de Galicia. Porque os galegos do futuro, e por tanto a Galicia do futuro, están no territorio, pero por suposto tamén no Exterior”. O titular de Emigración animounos a respectar, querer, e facer seu, o legado material e inmaterial dos seus pais e avós “como de feito me consta que o facedes decote”, afirmou.

Igualmente, as e os rapaces galegos de Puerto la Cruz trasladaron a Miranda as súas consultas e dúbidas sobre as posibilidades de retorno familiar á Galicia territorial, á terra de orixe. O secretario xeral explicoulles as axudas específicas que o seu departamento oferta para os emprendedores residentes no estranxeiro que queiran iniciar o seu negocio na Galicia territorial, axudas compatibles coas que a Consellería de Traballo e Benestar, e o Instituto Galego de Promoción Económica, convocan cada ano.

O Centro Galego de Puerto la Cruz, presidido por José Luis Quivén, creouse hai 55 anos por iniciativa dos primeiros galegos emigrados a esta zona da costa venezolana. Case todos procedían do mundo empresarial e do pequeno e mediano negocio relacionado, en numerosas ocasións, co sector turístico. Integrados plenamente na sociedade receptora, teñen formado un grupo con certa influenza social e económica na cidade, e na contorna periurbana da Gran Barcelona, a segunda en importancia do país.

MÁIS ENCONTROS NUNHA VENEZUELA ASOLADA POLA CRISE

Rodríguez Miranda concluirá hoxe domingo esta nova viaxe por Venezuela, cumprindo así o seu compromiso de manter contacto directo e permanente coa diáspora galega no país, agora que atravesa momentos de incerteza económica e social. E o remata coñecendo a socias e socios, e as instalacións, dunha entidade senlleira da costa venezolana, o Club Tanaguarena.

Esta colectividade, formada maioritariamente por galegas e galegos, toma o seu nome dunha das colonias urbanizadas de Caraballeda, localidade do estado de Vargas, xa preto do aeroporto internacional de Maiquetía. A visita de Miranda responde a unha invitación da directiva para que coñecese a masa societaria dunha entidade que se caracteriza por ofrecer aos seus abonados un enclave de estabilidade e seguridade illado de convulsións, de maneira similar ao que acontece coa sede da Hermandad Gallega na capital, Caracas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar