O gaiteiro Carlos Núñez abre o Festival Internacional de Coria, en Cáceres

Carlos Núñez

O gaiteiro Carlos Núñez foi o encargado de abrir este pasado sábado as actuacións do XIX Festival Internacional de Guitarra de Coria (Cáceres), cun concerto na praza da Catedral de Santa María de la Asunción ao que asistiron mil persoas.

«Puidese parecer que a gaita e a guitarra son polas opostas, a gaita é o Atlántico e a guitarra o Mediterráneo, cando en realidade, creo que ambas as dúas son as enerxías fundamentais da península ibérica», indicou Núñez.

«A gaita –prosegue– tomou ideas da guitarra, e viceversa. A guitarra flamenca clásica inspírase nas músicas tradicionais da gaita e da música celta, por iso, o concerto simboliza unha historia de amor musical entre o norte e o sur da Península Ibérica, entre Atlántico e Mediterráneo, entre gaita e guitarra».

O gaiteiro galego invitou a subir ao escenario como adoita facer a un músico tradicional local, que nesta ocasión foi o frautista e tamborilero de Aldeanueva del Camino, Cáceres, José Juan. «É importantísimo axudar a facer promoción de músicos novos. A arte de José Juan demostra que existía esa ruta da prata da música. É un grande virtuoso da frauta de tres buratos e do tambor», subliñou Núñez, segundo recolle o concello cauriense nunha nota de prensa.

O gaiteiro e o seu grupo acompañaron ao cacereño interpretando uns ‘pindongos’, un baile tradicional extremeño, que foron longamente aplaudidos polo público. O de Montehermoso afirmou estar vivindo «un sono musical».

Sobre o ambiente e o lugar do concerto, Carlos Núñez sinalou que «tocar en lugares emblemáticos, como a Praza da Catedral de Coria, inspira. Como di o meu bo amigo Jordi Savall, as pedras teñen memoria, e cando tocas en sitios con alma, é coma se che quixesen devolver unha parte da maxia e dos sons que escoitaron no pasado. Este lugar ten boas meigas», engadiu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar