Comezan os traballos arqueoloxicos no Castro da Cabeciña, en Oia

Oia_a Cabeciña do Castro_1

O xacemento da Cabeciña no concello pontevedrés de Oia está ao completo este mes de agosto. A partir de hoxe un equipo de arqueólogos traballará para seguir investigando o impresionante castro e os petróglifos circundantes.

O público está invitado a visitar A Cabeciña e ver a arqueoloxía en acción. Haberá visitas guiadas gratuítas diarias e tamén un ciclo de «barferencias» divulgativas en locais da zona.

A escavación está impulsada pola Comunidade de Montes de Mougás no marco do proxecto Costa dos Castros e conta co apoio do Incipit-CSIC. Os traballos centraranse en ampliar a sondaxe 3, aberta a principios deste ano por arqueólogos da Deputación de Pontevedra.

 

Oia_a Cabeciña do Castro_2

XACEMENTO HISTÓRICO

O traballo da Deputación revelou varias estruturas superpostas que parecen suxerir tres fases de ocupación do castro, entre a I Idade do Ferro (século VIII-VII a.C) e a época final da cultura castrexa (século I d.C).

Durante este mes de agosto quérese seguir escavando a sondaxe para datar as estruturas con maior precisión, confirmar as fases de ocupación e tamén descubrir as funcións dos distintos edificios.

Paralelamente elaborarase unha serie de rexistros en 3D do recinto arqueolóxico.

«É un proxecto de posta en valor; queremos preparar a área para a súa restauración o ano que vén. Por iso prestaremos especial atención á correcta evacuación da auga na sondaxe» explica Carlos Otero Vilariño, director arqueolóxico.

CUALIFICADO EQUIPO TÉCNICO

Como asesora de conservación estará Yolanda Porto. Tamén forman parte do equipo técnico o arqueólogo Israel Alcón e os arqueólogos ingleses John Etté e Sarah Buckingham.

O equipo estará asistido por un grupo de voluntarios vidos de diferentes puntos de España, Portugal, Inglaterra e Canadá. «Eu xa estiven en Mougás o ano pasado e namoreime do xacemento. Estou moi ilusionada por empezar a escavar e ver que descubrimos” conta Alba, voluntaria e estudante de arqueoloxía na Universidade de Barcelona.

A participación de voluntarios e o carácter comunitario da escavación serán estudados pola antropóloga do Incipit-CSIC Guadalupe Jiménez, como exemplo de novas formas de facer arqueoloxía. Por iso estará en campo durante todo o mes de agosto observando a iniciativa no marco do proxecto europeo NEARCH.

A institución de investigación Incipit-CSIC tamén colabora co proxecto dispoñendo de ferramentas e tecnoloxía para a escavación.

 

VISITAS GUIADAS GRATUITAS

O público está sempre benvido a visitar a escavación e ver os traballos arqueolóxicos in situ. Durante todo agosto haberá visitas guiadas gratuítas ás 12:00 de martes a domingo, máis unha sesión ás 19:00 os sábados e domingos.

Outras actividades paralelas á escavación e abertas ao público inclúen un ciclo de «barferencias» divulgativas nos que participan Carlos Otero e os investigadores do CSIC Cristina Sánchez, César González e Guadalupe Jiménez.

Ademais todo o mundo poderá seguir o desenvolvemento da escavación a través das páxinas web e redes sociais de Proxecto Mougás e Costa dos Castros.

«A nosa idea é facer que a arqueoloxía sexa accesible a todos e á vez fomentar as visitas á zona» explica Xosé Gago, coordinador de Costa dos Castros. A escavación do castro da Cabeciña enmárcase neste proxecto de dinamización turística da costa sur de Galicia.

Outras actuacións previstas para este ano dentro de Costa dos Castros son a limpeza da estación de arte rupestre Auga dos Cebros en Pedornes, un levantamento topográfico do castro de Cano dos Mouros en Viladesuso e unhas sondaxes valorativas no castro de Chavella en Oia.

Actualmente hai en marcha unha campaña de micromecenado para financiar estas actuacións que axudarán a comprender mellor a paisaxe e a historia deste tramo de costa ao sur de Galicia. Pódese colaborar a través da páxina web de Costa dos Castros: http://costadoscastros.com/gl_ES/colabora-co-proxecto/

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar