A unidade nacionalista

Hoxe por hoxe, a marca unidade é a que máis vende. Na celebración do Día da Patria do 2015 puido verse o seu efecto. Converteuse na terceira manifestación máis concorrida do Día da Patria. Os 18.000 participantes deste ano só foron superados en dúas ocasións. Dáse a circunstancia que, daquela, tamén a «unidade» era o eixo vertebrador, aínda que existisen notábeis diferenzas con este ano.

En 1988, o BNG propoñía o seu Proxecto común e non só se presentaba como a «casa de todos os nacionalistas» senón que tamén realizaba un chamamento a «todas as forzas autóctonas» para integrarse nunha candidatura única cara as eleccións europeas. Ofrecemento que foi rexeitado, pero a sociedade galega primou ao BNG nas seguintes citas electorais outorgándolle unha clara hexemonía. Logo da integración do MCG e LCR, no ano 1994 poñíase ramo a ese proceso de unidade coa integración de Unidade Galega e a fundación da CIG para unificar o eido sindical nacionalista.

Ficaban fóra os sectores independentistas que, co PCLN á cabeza, priorizaran o apoio a HB nas eleccións europeas, argumentando que só Euskadi podía rachar o Estado español.

A segunda grande manifestación do Día da Patria Galega foi a do ano 2003. A unidade popular viña, en certo xeito, imposta polo desastre do Prestige. Esta mobilización atopábase sustentada polo traballo e os ecos de Nunca Máis e o grande labor organizativo que realizara o BNG. Así que, nesas dúas grandes mobilizacións, a unidade cidadá tiña ao Bloque Nacionalista Galego como aglutinador.

Non foi o caso do 2015. Neste ano, o nacionalismo popular abdicaba por primeira vez das súas siglas cedéndolle todo o protagonismo aos promotores do Manifesto pola Unidade, coa ollada posta nas próximas eleccións xerais.

Esta convocatoria sen siglas propiciou que moitos nacionalistas que abandonaron nos últimos anos o BNG, pero para os que o Día da Patria entra na súa litúrxica tradición, se puidesen sumar á manifestación sen medo a connotacións partidarias. Tamén participaron as denominadas forzas independentistas que sempre realizaban convocatoria separada.

Foi así como acadaron un cuarto máis de manifestantes que o ano pasado. Pois nin o apoio de IU, nin o de CCOO, logrou mobilizar a un cativo número de militantes, como tamén sucede nas manifestacións a prol do idioma. Tampouco tivo a convocatoria especial relevancia na sociedade non militante.

Aínda así, sería un erro confundir a forza da «unidade» nunha mobilización co seu aporte nunhas eleccións se esta «unidade» se queda en algo abstracto ou, o que é peor, enmascara os seus verdadeiros obxectivos.


Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar