O presidente garante a plena disposición da Xunta ao impulso de Pontevedra

Feijóo_Fernández Lores_San Caetano_2

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu a plena disposición da Xunta para seguir impulsando co Concello os asuntos estratéxicos para Pontevedra como as infraestruturas viarias, a xustiza e o turismo.

Durante unha reunión co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, Feijóo trasladou nun primeiro termo o compromiso prioritario coa atención ás persoas con menos recursos. E salientou que a coordinación co Concello tamén pode resultar moi útil para seguir mellorando outros ámbitos dos servizos públicos: “Desde 2009 levamos traballando neste eido e, máis da metade das prazas públicas para persoas maiores que existen en Pontevedra foron creadas pola Xunta; desbloqueamos o remate das obras do centro de día de Alzheimer e adaptouse a residencia de maiores de Campolongo”, aseverou.

Por outra banda, e no eido educativo, lembrou que ao longo deste 2015, téñense impulsado as obras de mellora en sete colexios e licitáronse as obras de ampliación da Escola de Hostalería Carlos Oroza.

Ademais de garantir o compromiso de seguir traballando no eido do saneamento, Feijóo e o alcalde de Pontevedra avaliaron tamén a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e as posibilidades de actuación no transporte metropolitano. Sobre este último aspecto, o titular da Xunta destacou a intención de “ver o interese do Concello para organizar o transporte, dado que estamos a falar –puntualizou- dunha cidade que polas súas características non ten transporte urbano no senso estrito”.

No tocante a infraestruturas, o responsable autonómico referiuse a algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos anos como a estrada entre Pino-Bora; “cofinanciamos a Ponte das Correntes; rematamos a Variante de Marín, unha obra de máis de 40 millóns de euros; e traballamos na reforma da PO-531, Pontevedra-Vilagarcía”, precisou, logo de expresar o compromiso coa Variante de Alba.

O presidente autonómico constatou tamén durante a xuntanza os últimos avances por parte do Concello respecto ao novo edificio xudicial e resaltou que, unha vez solucionados todos os atrancos desde o punto de vista do solo e antes de que remate o ano, licitaranse de xeito inmediato as obras, cun investimento de 20 millóns de euros. “Nas próximas semanas mostrarase ao alcalde o proxecto que vai saír a licitación e Pontevedra terá unha administración de Xustiza cunha maior superficie para poder prestar mellor o servizo público da Xustiza”, avanzou.

Así mesmo, e sobre o edificio Benito Corbal, propiedade da Administración autonómica, Feijóo afirmou que a Xunta, nun prazo de tres meses, avaliará a posibilidade dalgunha actuación; “e senón, estudarase buscar unha solución para a ocupación do edificio porque o que queremos é que sexa útil aos cidadáns, como sucedeu co edificio Michelena que a Xunta cedeu ao Concello”.

No eido do turismo, Feijóo referiuse ao Camiño Portugués e, máis polo miúdo á necesidade de repoñer o camiño que vai pola beira do río “e, a tal efecto –dixo- quedamos en facer unha actuación conxunta no Paseo de Gafos”.

Por último, o presidente do Goberno galego destacou os avances sobre o canon que todos os municipios aboan a Sogama. E, nesta liña, resaltou a proposta do Concello de, a partir do mes de xaneiro, regularizar e aboar as taxas e facer efectiva a débeda por sentenza xudicial. “Agora, o que queda é concretar exactamente a liquidación da parte de intereses que o Concello ten que aboar e a outra parte que mentres non haxa sentenza firme o Concello pode non aboar”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar