Unidos pola Nosa Terra

«Un paso adiante na política vale máis que mil programas». Así falou X. M. Beiras na elocución coa que se poñía remate, o 26 de outubro de 1982, a constitución do Bloque Nacionalista Galego. Aínda que o proceso viña de atrás e o 30 de maio tiña lugar en Compostela a constitución da xunta xestora dunha Fronte Nacionalista Galega, a unidade nacionalista tomaba cartas de natureza na manifestación do Día da Patria dese ano de 1982. O lema, «Galiza Nación«, non era moi diferente do de «Nación Galega» co que se convoca a «marcha pola unidade» deste ano 2015.

Aquel Día da Patria de 1982, no que participaron conxuntamente todas as forzas que estaban a prol da unidade frontista, non estivo exento de tensións e puxo en perigo mesmo o proceso unitario. O representante de Galicia Ceibe, Antón Bértolo, quixo ler ao final da manifestación un comunicado dos presos desta organización. Pretensión á que se opoñerían algúns membros da xestora. O enfrontamento trasladouse logo ás páxinas de A Nosa Terra, con duras acusación, sobre todo entre membros do PSG e GC.

O enfrontamento con GC tamén era político. X. L. Méndez Ferrín, o seu referente, defendeu en Riazor, antes de abandonar o proxecto frontista, que non se participase nas eleccións estatais e autonómicas e, de presentarse, que os candidatos asinasen un documento no que se comprometían a non pisar os respectivos parlamentos.

O nacionalismo non se atopa, aínda, nun proceso de unidade coma o de 1982. Pero está a construír pontes, a retomar complicidades e confianzas que se perderon estes últimos anos coa acción política e as diferencias ideolóxicas e estratéxicas que levaron aos esfarelamento da unidade no BNG. A unidade de acción ao carón da idea de País, a coincidencia na idea de expresarse como nación, non só é un grande paso adiante, senón que pode ser o comezo do proceso político máis alentador dos últimos anos.

É certo que Anova, de Beiras e Ferrín, no apoia directamente esta convocatoria, inmersos nunha estratexia de alianzas coas forzas estatais, pero si moitos dos seus fundadores, entre eles os de Cerna. Pero non é menos certo que forzas que quedaron fóra do BNG daquela, como Esquerda Galega e ANG, non sucumbiron as manobras que teimaban en diluílos no PCE, como propoñían os servizos secretos nun memorando, e, agora, os seus membros son parte fundamental desta nova dinámica. Como o son tamén xentes do MCG e LCR, daquelas excluídos.

Neste 25 de Xullo, o nacionalismo comeza por xogarse unha Candidatura Nacional Galega de Unidade e as súas arelas coinciden, sorprendentemente, coa propaganda da Xunta: «unidos pola Nosa Terra». Si, di ben: «pode estar en contra alguén que leva a Galiza no corazón?».

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar