Os «Fogos do Apóstolo» en directo, esta noite, a través da TVG

Os Fogos do Apóstolo, retransmitidos pola TVG.
Os Fogos do Apóstolo, retransmitidos pola TVG.

Como cada 24 de xullo, os Fogos do Apóstolo son unha cita obrigada para a Televisión de Galicia, que esta noite ofrecerá un programa especial en directo que tenteará o ambiente que se vive en Santiago na véspera do día grande Galicia e que irá poñendo os espectadores en contexto antes da gran traca final que suporá o espectáculo audiovisual do Obradoiro.

O especial “Fogos do Apóstolo 2015”, presentado por Cristina García e co apoio dos comentarios de Fernando Madriñán, establecerá conexións en directo con distintos puntos de Compostela, como a Praza do Obradoiro, o Hostal dos Reis Católicos e a Porta Faxeira, para recoller o sentir da cidade nesta noite única.

Ademais, durante o programa falarase da festividade de Santiago Apóstolo, tanto en Santiago como noutras vilas e cidades de Galicia, da peregrinación a través do Camiño do Norte e do Camiño Primitivo e da tradición dos Fogos do Apóstolo.

A TVG tamén ofrecerá esta noite reportaxes en exclusiva: subirá ao máis alto dunha das torres da Catedral para coñecer as obras de restauración que se están a levar a cabo, verá onde e como se colocaron os foguetes que van estoupar esta noite e acompañará a Policía Nacional nos seus labores de vixilancia, tanto por terra coma por aire e mesmo no subsolo dos túneles da Catedral.

UN ESPECTÁCULO ENVOLVENTE

Pero o momento culminante chegará, sen dúbida, co espectáculo audiovisual, que este ano se proxectará tanto na fachada da Catedral coma na do Pazo de Raxoi. A separación dos puntos de interese para as proxeccións, o encaixe da música e a diversificación dos espazos desde onde se lanzará a pirotecnia farán que, por vez primeira, o espectáculo deste ano sexa de carácter envolvente.

No ano en que se conmemora o 30 aniversario da declaración de Santiago como cidade Patrimonio da Humanidade, veranse sete escenas en total, coas que se percorrerán os elementos icónicos do Camiño e as zonas máis emblemáticas da capital de Galicia.

Nesta edición dos Fogos do Apóstolo alternarase o protagonismo dos elementos pirotécnicos con proxeccións sobre as fachadas máis emblemáticas da Praza do Obradoiro, que exercerán como pantallas sobre as que emerxerán efectos tridimensionais. Así, técnicas innovadoras, que permiten a proxección de imaxes sobre edificios aproveitando os seus relevos, combinaranse con efectos especiais de última tecnoloxía, pirotecnia e música que, coma sempre, farán deste espectáculo un dos maiores atractivos das Festas do Apóstolo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar