«40º Norte: Camiño de Lobos», o novo reality da TVG

 40 grados Norte_TVG_2

Dez concursantes, divididos en dous equipos, enfróntanse a partir deste martes a unha serie de desafíos físicos nunha ruta que pasa polos lugares máis emblemáticos e espectaculares do territorio galego. Co obxectivo de sobrevivir, ser o mellor competidor, o de máis resistencia, intelixencia a axilidade, deben ter presente que só un pode coroarse como o gañador do novo programa da TVG “40º Norte: Camiño de Lobos”, o primeiro reality de aventura realizado completamente en Galicia.

Así pois, dez galegos deixarán atrás as súas vidas para enfrontarse ao descoñecido nunhas montañas tan maxestosas como esixentes. Como o lobo, terán que demostrar a súa forza física e mental para lograr a vitoria final: converterse no lobo alfa e obter un premio de 6.000 € en metálico.

Repartidos en dous equipos, vermellos e azuis, durante as próximas semanas enfrontaranse á climatoloxía en plena natureza, a unha dura convivencia, a retos de resistencia física e psicolóxica e a preciosas rutas pola xeografía galega. Trátase dunha aventura de oito etapas en que, día a día, proba a proba e un a un, irán quedando eliminados os participantes dos dous equipos ata chegar a unha gran final en que só tres persoas loitarán polo triunfo.

40 grados Norte_TVG_1

Os concursantes de “40º Norte” deben estar en condicións físicas e mentais óptimas e reunir unha serie de calidades que lles permitan superar as diferentes etapas. Tamén é importante que conten cun talante aventureiro para enfrontarse a unha experiencia inesquecible e extrema.

Unha monitora de fitness de Vigo, un bombeiro xubilado que rexenta un ximnasio coa súa parella, un repartidor de Santiago moi deportista e vexetariano convencido, unha enfermeira do Sergas de Viveiro que compaxina o seu traballo coa súa gran paixón: o atletismo, e un adestrador forman o equipo vermello. Unha empresaria que, ademais de dirixir un ximnasio en Vigo, adéstrase dúas horas diarias, un técnico en cultivos mariños e monitor dun ximnasio de Lugo, unha xerente dun ximnasio, unha policía nacional de Nigrán que foi campioa de España de full-contact e un adestrador de fútbol de Pontevedra son os concursantes do equipo azul. Profesións moi diversas, pero todos cunha paixón común: viviren a aventura das súas vidas. Os dez valentes teñen idades comprendidas entre os 26 e os 60 anos e proceden das catro esquinas da xeografía galega.

En cada etapa do programa disputaranse diferentes probas, un percorrido con varias dificultades en que demostrarán múltiples habilidades. Desta proba, denominada “A Meta”, un dos dous equipos acadará a inmunidade. En “O Desafío”, unha proba física de gran dureza, o equipo gañador obterá unha recompensa. Finalmente, en “O Reto”, o participante que o seu propio equipo nomee para abandonar o programa despois de perder a proba da “Meta”, terá a oportunidade de retar un compañeiro para enfrontarse nunha proba cara a cara. O que perda este reto será o que abandone o programa.

A gravación do concurso tivo lugar nos enclaves máis espectaculares das comarcas de Viana, Valdeorras e Quiroga. “40º Norte” está presentado por José Antonio Argibay, coordinador de grupo da AXEGA, a Axencia Galega de Emerxencias.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar