Coidado co unitarismo

«Unidade, unidade…», berraban sempre na época da tronificada Transición os fatos políticos cando quedaban en minoría e, algunhas veces, arrastraban a incautos na súa defensa aínda que non coincidisen coas súas proclamas.

Afirman agora que a palabra «unidade» cobrou protagonismo na escena política galega, como sinal identificador dun xeito de facer, de participar, da nova xeración. Estase a publicitar como unha demanda social e calquera que a conteste pode ser alcumado cos epítetos máis resesos dos tempos de combate e maldicir.

É certo que esta ladaíña colle unha vaga electoral positiva, apoiada, todo hai que dicilo, polos medios dominantes e coincide co neoliberalismo á hora de denigrar e desmantelar as organizacións que se opoñen as súas políticas. Lémbranse do agoirado fin da historia? O propio Fukuyama sostén agora que as súas palabras as sacaron de contesto para facer un slogan de combate contra a esquerda. Si, os partidos políticos son un obstáculo. Xa llo dixo algún alcalde mareante ao BNG: «apártate a un lado». Hai que deixarlle paso «ao clamor das rúas». Un clamor que só os elixidos, como X. M. Beiras, saben ver e interpretar.

Quen isto escribe enxerga sempre nas mobilizacións cidadáns aos mesmos e movidos polas mesmas organizacións máis alá dos estoupidos de indignación momentáneos porque descenda un equipo de fútbol.

Onde estaban, onde están, eses líderes dos movementos sociais? Esquecemos que os novos referentes políticos unitaristas non só saíron das organizacións tradicionais, senón que foron postos por estas logo de negociacións polo cumio? Que as mesmas organizacións son as que promoven esas plataformas unitarias?

Este texto da plataforma Ahora en Común, promovida por IU, é clarificador dabondo, todo un retrato: «… Unha candidatura da xente e para a xente, para transformar o país en común e co clamor das rúas…».

Nin principios políticos concretos, nin idea política ningunha en todo o manifesto. Calquera referencia ás clases sociais ou a conceptos que se denominan de esquerdas son desterrados. Desterradas tamén a organización e a creación de conciencia. Pódese dar un cambio político sen conciencia social? Por que ter principios políticos se considera negativo, un problema? Por que denigran aos militantes (coma se eles non o fosen) e os presentan coma un obstáculo electoral?

Se tivesen por instrutor a un daqueles baqueteados sarxentos contestarían xeireando á pregunta de «que somos» antes de saír en campaña : «Unha arma electoral, dispostos a gañar»! Coidado, non é unidade todo o que semella.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar