Medio Ambiente colabora na eliminacion da flora invasora da Lagoa do Louro

Lagoa do Louro_Muros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colaborará na eliminación da flora invasora que se inventariou na lagoa do Louro. Así, técnicos da Xunta de Galicia e membros de Adega traballan na Zona de Especial Conservación (ZEC) Monte e Lagoa de Louro, onde se teñen identificado preto de 40 especies de flora alóctona (algunhas de carácter invasor e tamén incluídas no catálogo de especies exóticas invasoras), como a cana (Arundo donax), a chumbeira (Opuntia maxima) ou a margarida africana (Arctotheca calendula). Estas especies supoñen unha ameaza ao desprazar á flora autóctona do espazo natural.

Estas actividades de eliminación da flora invasora son moi importante para garantir presenza de especies vexetais ameazadas. A modo de exemplo, nas proximidades da lagoa e da praia se ten constancia de tres especies vexetais ameazadas, como a Rumex rupestris, Eleocharis parvula e Scirpus pungens, catalogadas en perigo de extinción. Asemade, a praia de Louro está considerada como área prioritaria de conservación para a píllara das dunas.

Esta actuación lévase a cabo no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), co fin de destinado a protexer a píllara das dunas e a eliminar especies invasoras en espazos protexidos a través de voluntariado ambiental.

ESPECIES AUTÓCTONAS AMEAZADAS

A Píllara das dunas é unha especie ameazada na Comunidade galega, polo que o Goberno autonómico ten deseñado un plan específico de conservación de cara a restaurar a súa poboación en todos aqueles lugares de Galicia considerados como imprescindibles para a súa recuperación. Neste documento tamén se recolle que no referido ás especies invasoras, Adega levará a cabo actuacións incluídas no Plan de recuperación do sapoconcho común que se puxo en marcha co obxectivo de levar a cabo medidas de erradicación de especies exóticas invasoras que eviten a perda da nosa biodiversidade.

O acordo entre a Administración autonómica e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia busca acadar unha maior sensibilización da poboación no respecto e coidado do noso medio, mediante o desenvolvemento de programas e actividades de información e formación ambiental.

En resumo, as medidas recollidas no convenio teñen como obxectivo común a defensa e promoción da conservación dos hábitats e da diversidade biolóxica de Galicia e procura a implicación e a participación cidadá na busca de alternativas e solucións aos problemas ambientais actuais, como a perda da biodiversidade.

Esta colaboración contribuirá a acadar os obxectivos do Goberno galego de divulgación da importancia da conservación das especies e hábitats protexidos de Galicia, dando a coñecer á cidadanía as súas responsabilidades nesta materia e incidindo na necesidade e importancia da súa participación, fomentando o voluntariado ambiental en espazos naturais protexidos.

Tamén axudará a por en valor ecosistemas ameazados, ademais de axudar na loita contra as especies exóticas invasoras, mediante a realización de actividades de divulgación e programas de actuación para a súa eliminación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar