Miguel Tellado: «A ponencia política do PPdeG reinventará a forma de relacionarnos»

O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou hoxe algunhas novidades acerca da ponencia política na que están a traballar os populares galegos dende pouco despois das eleccións municipais do 24 de maio. Tellado informou de que o texto será presentado o 31 de xullo, cumprindo cos prazos fixado no seu día polo presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo.

O texto está en fase de elaboración tras recibir aportacións telemáticas por parte dos galegos, as opinións e suxestións nos encontros e nas reunións que tiveron lugar con máis de 50 asociacións e colectivos, e as propostas do partido tras as reunións que os poñentes tiveron cos representantes do PPdeG en todas as comarcas de Galicia.

Ademais, e pese a ser presentado en dúas semanas, o proceso para recabar opinións seguirá aberto ata setembro, posto que remitiremos a ponencia ás sedes do partido para que os militantes poidan facer enmendas ao articulado coas que mellorar o texto.

Neste senso Tellado indicou que se trata da primeira vez que o PPdeG impulsa un documento de traballo e o somete á consideración dos seus afiliados fóra dun proceso congresual, algo que, segundo afirmou, busca “implantar unha nova filosofía de traballo no seo do PPdeG; máis participativa, transparente e que ven para quedarse”.Miguel Tellado_PPdeG_rolda

De feito, Tellado aseverou que parte da ponencia estará pensada en redefinir a nosa relación cos galegos e en establecer canles de participación permanentes entre o PPdeG e os cidadáns aos que aspiramos a representar.

O dirixente popular informou de que a ponencia terá, ademais dun manifesto que identificará as prioridades do PPdeG e o porqué do texto, tres eixos que farán referencia a novas decisión en materia económica para trasladar “Unha recuperación para todos”, novas decisións en materia social que busquen “Unha recuperación entre todos”, ademais dun eixo que trate esas novas formas de participación no partido e que busquen “Un partido para todos”.

FERROL
O voceiro popular foi, ademais, preguntado polos xornalistas acerca da situación que están a vivir os concellos da ría de Ferrol con respecto á non potabilidade puntual da auga corrente.

Tellado iniciou a súa exposición apuntando que “o consumo desta auga non ten repercusións negativas inmediatas na sáude das persoas, polo que cómpre facer un chamamento á tranquilidade”. Do mesmo xeito lembrou a disposición da Xunta para colaborar cos concellos afectados e indicou que, tanto o presidente Feijóo como dúas consellerías, puxeron a disposición dos concellos afectados os medios autonómicos.

En calquera caso, apuntou que “o concello de Ferrol é coñecedor da situación dende o 6 de xullo e non fixo nada ata onte”, afirmou. “Cando o alcalde de Ferrol –tamén presidente do ente que xestiona as augas- dicía que non era un xestor, senón un activista social, dicía a verdade. Está demostrando non estar á altura de xestionar crises como a que está a vivir a comarca de Ferrol estes días”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar