A Xunta agarda que a Axenda Dixital Galicia 2020 chegue a tódolos galegos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a publicación do texto definitivo da Axenda Dixital Galicia 2020, que espera que impulse unha modernización tecnolóxica que “sexa o catalizador para unha profunda modernización da nosa economía, da nosa sociedade e das nosas administracións públicas”. Ademais, Feijóo afirmou que este texto ten un obxectivo claro: “que ningún galego quede excluído do progreso tecnolóxico e do crecemento económico que se deriva del”.

O presidente anunciou a publicación da Axenda tras unha xuntanza con profesionais tecnolóxicos de diferentes sectores produtivos que colaboraron na elaboración do documento. A presentación da Axenda Dixital 2020 dá comezo á Semana Dixital, durante a que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia levará a cabo catro actos para detallar os eixos deste texto e “facer o seu contido máis accesible para tódolos públicos”.

A nova estratexia tecnolóxica da Xunta establece as actuacións para acadar unha Administración dixital innovadora, favorecer servizos dixitais avanzados no eido do benestar e sanidade, e impulsa á dixitalización empresarial en sectores estratéxicos. Feijóo explicou que a Axenda Dixital Galicia 2020 “mobilizará máis de 1.500 millóns de euros”, pero que sobre todo é “un investimento en futuro” que permitirá “ofrecer servizos adaptados aos novos tempos, avanzar cara a unha nova situación económica e garantir a vertebración dixital de Galicia”.

Feijóo_Axenda _Dixital de Galicia_3

 

O xefe do Executivo autonómico agradeceu a implicación da sociedade galega e dos axentes económicos e sociais no “proceso de reflexión conxunta” que deu pé á Axenda Dixital 2020. Tamén lembrou que esta é a continuación do esforzo iniciado en 2009 coa 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, que contribuíu ao desenvolvemento da Administración electrónica, loitou por reducir a fenda dixital, desenvolveu programas específicos para a modernización de sectores como a agricultura, a pesca ou o turismo e contribuíu a reverter a desigualdade que vivía a Comunidade no acceso aos servizos de telecomunicacións.

Tamén subliñou que a estratexia dixital da Xunta permitiu o nacemento do proxecto Abalar, que fixo que Galicia fose “pioneira na implantación do libro dixital” e na “integración plena das TIC na práctica educativa”.

 

Feijóo_Axenda _Dixital de Galicia_2

Este último obxectivo acadouse mediante a implantación do Plan de Banda Larga de Galicia, que agora encara unha nova edición. Esta despregará redes ultrarrápidas para que o 100% da poboación galega teña cobertura de, como mínimo, 30 megas; e que o 50% dos fogares dispoñan de servizos de banda larga por riba por 100 megas, tendo sempre como horizonte o ano 2020.

“Teño a convicción de que este texto que presentamos hoxe será o primeiro paso do crecemento sustentable da Galicia do século XXI”, concluíu o presidente da Xunta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar