Besteiro sobre a sua imputación xudicial: «O meu futuro será esplendoroso»

 Besteiro_nunha manifestación do sector lácteo

 

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegura que seguirá á fronte da Secretaría Xeral dos socialistas galegos e que o seu futuro será «esplendoroso».

A preguntas da prensa este venres sobre o seu futuro, tras ser imputado no caso Garañón por delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e delito contra a ordenación do territorio, o líder do PSdeG respondeu: «O futuro do señor Besteiro non dubide de que será esplendoroso, non teña a menor dúbida, estou a actuar como secretario xeral e seguirei sendo secretario xeral e, polo tanto, así actuarei sempre», remarcou.

Cuestionado polos medios sobre se no comité nacional do sábado se vai debater sobre o seu futuro á fronte dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, remarcou que ese encontro «é un acto absolutamente ordinario» que se convoca «dunha forma periódica» e se falará «de moitas cousas» como do «éxito» municipal dos socialista.

No marco dese «éxito» dos socialistas identifica un aumento de poder institucional, así como que este venres «por primeira vez» se inviste a unha presidenta socialista na Deputación de Pontevedra. «Falaremos diso e dos retos inmediatos para cambiar a un goberno que tanto dano fixo as persoas nos últimos catro anos nas próximas eleccións xerais», apuntou.

Repreguntado sobre se se falará do seu futuro no comité, Besteiro respondeu: «Falaremos de todo como falamos os socialistas, non adoitamos ocultar ningún tema que teña interese para os socialistas, pero, en todo caso, o eixe central dese comité nacional é a análise desas eleccións municipais e os retos inmediatos que dentro de dous meses teñen a sociedade galega e a sociedade española nas eleccións xerais».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar