Actívanse os mecanismos de control da auga para evitar unha seca

A Xunta de Galicia intensificará o seguimento do nivel dos encoros e insta á cidadanía a un consumo responsable de auga ante as perspecectiva dun verán máis seco do habitual. Augas de Galicia activou hoxe o estado de prealerta de seca hidrolóxica, unha vez analizada a situación meteorolóxica e os niveis de auga nas bacías da demarcación Galicia-Costa.

A Administración Hidráulica de Galicia, detectou no último mes un empeoramento significativo de varios dos indicadores que se avalían de forma continua, para determinar o estado hidrolóxico da demarcación Galicia-Costa, polo que hoxe decidiu esta activación do estado de prealerta, que supón activar os protocolos recollidos no Plan de Seca da demarcación Galicia-Costa aprobado no ano 2012.

Así, a situación de prealerta implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.

Esta mañá tivo lugar a primeira reunión da oficina técnica da seca, que será a encargada de realizar este seguimento intensivo da situación, e na que participan, ademais de técnicos de Augas de Galicia, especialistas de Meteogalicia e da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

A pesar de que os encoros presentan boas reservas de auga que garanten o abastecemento a poboación, os técnicos detectan caudais por debaixo do normal en varios ríos debido á falta de precipitacións e unha elevada taxa de evaporación ocasionada por las altas temperaturas rexistradas no que vai de verán. A tendencia rexistrada é a baixa tanto no nivel das reservas dos encoros como nos caudais fluíntes dos ríos. Ademais durante as vindeiras dúas semanas non se agardan episodios de chuvia xeneralizada na Comunidade galega.

MODERACIÓN NO CONSUMODE DE AUGA

Por todo isto Augas de Galicia insta a toda a cidadanía e aos Concellos unha moderación no seu consumo da auga ante a perspectiva dun dos veráns máis secos dos últimos anos. Recomenda un consumo responsable da auga e evitar o gasto innecesarios e o desperdicio do recurso.

Segundo informa Meteogalicia, a previsión é de predominio para as situacións anticiclónicas que deixarán ceos despexados e posiblemente un novo episodio de elevadas temperaturas na vindeira semana. E aínda que este anticiclón poderá debilitarse transitoriamente a finais desta mesma semana, permitindo a entrada de nubes baixas e néboas que ocasionalmente poderían deixar algunha chuvia feble na costa, estas serán de pouca intensidade. Non se descarta algún fenómeno tormentoso no interior, pero de carácter tamén illado e ocasional.

 

PREVENCIÓN ANTE O LUME

A escaseza de chuvias incide tamén no incremento do risco de lumes forestais, que é moi elevado ou mesmo extremo en case toda Galicia. Xa que logo, convén extremar as precaucións para evitar os incendios.

Diante desta circunstancia, a Consellería do Medio Rural e do Mar mantén activadas unha serie de recomendacións, entre as que salientan a prohibición de facer fogueiras ou usar utensilios que xeren lume tanto para cociñar como para iluminar. Tamén está prohibido fumar no monte, así como facer lumes ou queimas. A maiores, está limitado o acceso ao monte de persoas e vehículos e é obrigatorio identificarse ante os axentes e pedir autorización para traballar con maquinaria non forestal nin agrícola que poida soltar faíscas.

Por último, a Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar