Feijóo reivindica a tradición reformista fronte aos rupturistas

Feijóo_Cursos de Verán San Lorenzo do Escorial_MadridO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou  a tradición reformista, que “non impugna o conxunto do sistema nin cuestiona os seus fundamentos institucionais”, fronte aos rupturistas, que son “sucesores daqueles que se obstinaron en levar ao precipicio a España da Transición”.

“A gran pregunta que hai que facerse é en que lugar do mundo, en que época da Historia, as receitas rupturistas paliaron as consecuencias dunha crise ou atallaron a corrupción”, afirmou Feijóo antes de lembrar que “a forza do populismo está na axitación e a súa fraqueza, no momento de asumir a responsabilidade”.

O presidente galego reivindicou as respostas que dá o reformismo aos problemas (“ás veces confusas e en ocasións difíciles, con tal de que sexan acertadas”) fronte ás propostas do rupturismo, que entroncan coa retranqueira frase do escritor americano H. L. Mencken: “para cada problema complexo hai unha solución clara, doada… e equivocada”).

Feijóo dixo que os populistas queren recuperar “anti-valores” como “a intolerancia, o extremismo, a incapacidade de respectar as opinións contrapostas e o obxectivo de excluír unha parte da sociedade da futura estrutura institucional”. Como proba disto situou “a purga que se quere facer do rueiro madrileño, eliminando a un dos homes que mellor soubo interpretar a alma galega, Álvaro Cunqueiro”.

ÉXITO DO SISTEMA AUTONÓMICO

O xefe do Executivo galego defendeu tamén a plena vixencia do sistema autonómico, por ser un antídoto contra os “privilexios” e porque deu mostras durante a súa vixencia “de ser un factor reequilibrador dos distintos territorios de España”. “Podo dicirlles que esa combinación de autogoberno e solidariedade —subliñou Feijóo— produciu en Galicia resultados espectaculares, grazas ao esforzo da sociedade galega e a gobernantes de tódolos partidos políticos”.

Glosou tamén a figura do político reformista, que “non é ególatra nin narciso, que obedece a ideas e non a un personalismo desaforado que acaba confundindo sigla e líder”. Rematou Feijóo a súa conferencia cunhas palabras do ex líder do Partido Liberal canadense Michael Ignatieff: “Os cidadáns saben a diferenza entre alguén que busca a súa aprobación e alguén que busca o seu respecto”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar