O Concello de Santiago aproba a o réxime de dedicacións exclusivas

 

SONY DSC

O pleno de Santiago aprobou este luns, en sesión extraordinaria e por unanimidade, o réxime de dedicacións exclusivas e persoal eventual. En palabras do alcalde, Martiño Noriega, suporá ao final da lexislatura un aforro «significativo» que cifrou en case 1,5 millóns de euros.

Ademais, a sesión extraordinaria do pleno da capital galega tamén deu luz verde á representación nos diferentes organismos e nas comisións informativas.

Segundo o rexedor, este acordo en materia de organización entre os catro grupos municipais –Compostela Aberta, PP, PSOE e BNG– atense ao principio de «proporcionalidade» no labor de goberno e oposición, é «leal» aos criterios utilizados en anteriores lexislaturas e supón ese aforro «significativo» para as arcas municipais, de 1,5 millóns ao termo dos catro anos de lexislatura.

Os seis puntos da orde do día foron debatidos e votados de forma conxunta por acordo dos catro grupos municipais, segundo explica o Concello nun comunicado de prensa.

Respecto á proposta que chegou ao pleno, Noriega indicou que se admitiron tamén as últimas emendas formuladas pola oposición, relativas a cuestións como un axuste en categorías e niveis de persoal eventual ou unha repartición máis equitativa no consello de administración do Auditorio de Galicia.

En concreto, sobre o persoal eventual, as modificacións non supoñen ningún cambio en canto a presuposto e o aprobado é unha recomendación que agora deberá ir á xunta de goberno, segundo explicaron fontes da Casa do concello consultadas por Europa Press.

Desta forma, saíron adiante por unanimidade os seis puntos: réxime de indemnizacións e dedicacións exclusivas; fixación do número, retribucións e características do persoal eventual; nomeamento de representantes en organismos supramunicipais, organismos autónomos, fundacións, empresas públicas, sociedades mixtas e consellos sectoriais de actuación municipal; fixación da presidencia das comisións informativas; designación de representantes no consorcio e nos consellos de capitalidade, económico e social e sectoriais; e composición da comisión asesora do casco histórico.

ACORDO TRAS VARIAS REUNIÓNS SEN CONSENSO

O acordo entre Compostela Aberta e oposición pechouse o pasado xoves despois de varias reunións sen consenso, e supón que haberá un soldo para o alcalde de 36.000 euros netos (51.000 euros brutos) e que os concelleiros cobrarán 49.176 euros.

Haberá, ademais, nove dedicacións para o goberno (o 67 por cento) e cinco para a oposición (o 33 por cento), de maneira que se suman 14 en total. A repartición será oito concelleiros e o alcalde, para Compostela Aberta; 2,5 para o PP; 1,5 para o PSOE; e unha para o BNG.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar