O PPdeG agarda que a situación de Besteiro non obstaculice a renovación do Valedor nen Contas

image

O portavoz dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou hoxe que o PPdeG entende que non hai ningún obstáculo para proceder á renovación dos órganos estatutarios xa que “se non o había hai un mes, tampouco o hai a día de hoxe”. Segundo o voceiro, agardan que no PSOE haxa madurez para que nas próximas semanas se poida concretar da forma máis inmediata posible a renovación do Valedor do Pobo e do Consello de Contas.
Na súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado recordou que a renovación destes órganos estivo bloqueada durante meses e que foi o PSdeG quen se negou ao acordo “ata que o soldo do Senado e o aforamento empezaron a ser unha prioridade para eles”, sinalou. Agora que Besteiro non se pode beneficiar de ambas cousas, o portavoz espera que “a postura do PSOE non derive nun novo bloqueo na renovación destes órganos”, engadiu.
Con respecto á imputación de José Ramón Gómez Besteiro, Tellado afirmou que “non imos xulgar a súa situación xudicial coa dureza coa que o señor Besteiro xulgou a representantes doutras partidos na mesma situación na que el se atopa no día de hoxe, e tampouco coa mesma dureza coa que el xulgou a compañeiros do seu propio partido”.
Segundo Tellado, aos reveses xudiciais de Besteiro súmanse agora os problemas internos dentro do seu partido e, malia que “non é intención do PPdeG apretar a soga do señor Besteiro, o certo e que ten ante si a oportunidade de ser coherente por primeira vez desde que é secretario xeral do PSdeG”, sentenciou.
CONFERENCIA POLÍTICA DO PP
Miguel Tellado tamén informou que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participará de forma activa na Conferencia política que o Partido Popular celebrará esta semana en Madrid. Alí, o presidente dos populares galegos formará parte, a tarde do venres, dunha mesa de Emprego e Política Social, moderada por Javier Maroto e na que tamén participarán a ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, o ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, o presidente da Xunta de Castela e León, Juan Vicente Herrera, e o alcalde de Santander, Íñigo de la Serna.
O voceiro salientou que non é casual que o líder dos populares galegos participe de forma concreta nesta mesa senón que “o fai a petición propia porque o emprego e o benestar son as principais preocupacións da cidadanía do noso país” ademais de que “cremos que a reorientación do PP pasa por recuperar a confianza maioritaria da cidadanía e por un xiro social para atender de forma intensa as cuestións relativas á desigualdade e o benestar social”.
Segundo Tellado, “non diríamos nada novo se destacásemos as políticas sociais desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos e nos últimos días”, facendo referencia a medidas como a loita contra os desafiuzamentos ou o Plan contra a desigualdade económica. Por iso, “Feijóo non irá a Madrid para presumir do que facemos en Galicia en materia de política social senón que irá a explicar o que cremos que hai que facer a nivel nacional para loitar contra a crise e a desigualdade” afirmou Tellado.
Para o voceiro, esta Conferencia política non é unha convención máis senón que pretende definir o futuro do Partido Popular para reconquistar a confianza da cidadanía e “para que o PP volva a ser o partido que mellor representa a maioría social do noso país” concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar