Máis de 1.300 mozos participarán nas actividades do Complexo Xuvenil As Mariñas

Beatríz Mato no complexo xuvenil As Mariñas

Un total de 1.330 mozos e mozas participarán este ano nas actividades programadas na Campaña de Verán no Complexo Xuvenil As Mariñas, que engloba os albergues de Gandarío e o da Marina Española. De feito, trátase do centro que máis participantes acolle pola súa ubicación “privilexiada” a pé de praia.

Precisamente, este emprazamento converte as actividades relacionadas co mar na especialidade deste albergue, que conta cun importante equipamento para que os participantes aprendan técnicas básicas de navegación a vela ou windsurf, ao tempo que obteñen coñecementos prácticos do medio mariño.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe aos 200 participantes da primeira quenda do mes de xullo e lembrou a “inequívoca” aposta da Xunta por estes dous albergues que se plasmou o pasado ano nas obras de mellora que se executaron nas instalacións. Unha actuación na que se investiron 300.000 euros para mellorar e actualizar as infraestruturas, o equipamento e o sistema de calefacción do complexo xuvenil. Estas obras enmárcanse dentro do Plan de Mellora das Instalacións Xuvenís de Galicia, desenvolto entre 2013 e este mesmo ano cun investimento total de máis de 700.000 euros.

Beatriz Mato indicou que estas instalacións, xunto cos outros 17 albergues e campamentos de Galicia que participan na campaña deste ano, “ofrecen á mocidade e ás súas familias un recurso de ocio educativo e tempo libre”. “As actividades non só axudan aos mozos e mozas a incrementar as súas habilidades sociais, tamén supoñen unha magnífica oportunidade de educación non formal e un recurso de conciliación da vida familiar e laboral, tamén contribúen a mellorar o coñecemento do medio natural, fomentan as actividades culturais e promoven a práctica de deportes, xa sexan tradicionais, de aventura ou náuticos”, apuntou.

Así mesmo, indicou que, como novidade deste ano, inclúense por primeira vez na programación as quendas IMPLÍCA-T, que contarán con actividades de educación non formal e voluntariado para mozos de entre 14 e 17 anos. Trátase dunha nova actividade da que tamén poden disfrutar os mozos inscritos no campamento de Gandarío a partir de agosto.

Os campamentos xuvenís forman parte da oferta da Campaña de Verán que arrancou oficialmente a semana pasada. Unha campaña que, “un ano máis, refórzase en Galicia, mentres outras Comunidades prescinden dela”.

En 2015 investiranse 2,4 millóns de euros para o desenvolvemento desta campaña, un 4,5% máis que o pasado ano. Con ese esforzo económico, financiaranse 8.530 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, un 3,2% máis que en 2014.

Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre galegas dan traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos. Ademais, estes 900 profesionais son na súa maioría xente nova, que conforman un equipo técnico especializado na xestión do ocio educativo e do tempo libre.

Doutra banda, a conselleira aproveitou a súa visita para saudar aos 60 participantes do programa Conecta con Galicia, un programa de convivencia entre rapaces galegos e descendentes de emigrantes co que se busca acercarlles á realidade galega e ás súas raíces.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar