Satisfacción pola decisión da RAG na Xunta, Deputación e en Outeiro de Rei

A Xunta congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2016 a Manuel María Fernández Teixeiro, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle van render ao poeta chairego o vindeiro ano.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar o labor deste sobranceiro poeta lucense en prol da nosa lingua e cultura propias dentro do mundo editorial, concretamente a través da colección Xistral.

Nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, a voz poética de Manuel María xorde moi cedo. Con tan só dezanove anos pasa a formar parte do faladoiro lugués do café Méndez Núñez, que reúne a autores xa consolidados nesa época como Luis Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Por aqueles anos convértese en editor ao crear, co seu amigo e tamén poeta Ánxel Xohán, a colección Xistral a que, en 1969, pasará a ser unha editorial. Deste período tan produtivo é o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inicia a denominada Escola Tebra.

Dono dunha prolífica obra poética –entre a que cómpre salientar as obras Morrendo a cada intre (1952), Mar Maior (1963), Versos para un país de minifundios (1969) ou A primavera de Venus (1993)–, co paso dos anos Manuel María estendeu a súa creación a outros xéneros como a narrativa, o teatro e mais o ensaio. A súa será sempre unha creación literaria fortemente vinculada ás conviccións políticas que defendeu.

Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Educación traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2016.

DEPUTACIÓN DE LUGO

 

A Deputación de Lugo celebra que a Real Academia Galega aprobase esta mañá dedicar o Día das Letras Galegas en 2016 a Manuel María e prepara a homenaxe que o Entre Provincial lle renderá ao poeta o vindeiro ano.
A presidenta salienta o labor do poeta de Outeiro de Rei a prol da nosa lingua e cultura propias dentro do mundo editorial, concretamente a través da colección Xistral.
Elena Candia pon en valor a súa obra poética e destaca a súa creación a outros xéneros como a narrativa, o teatro e mais o ensaio. “A súa será sempre unha creación literaria fortemente vinculada ás conviccións políticas que defendeu”.- concluíu.

 

CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

 

O alcalde de Outeiro de Rei, o popular José Pardo, destacou que a decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día dás Letras de 2016 ao poeta e dramaturgo Manuel María é «unha homenaxe merecida».

En declaracións a Europa Press, o rexedor da localidade natural do autor, onde tradicionalmente acode a Academia para realizar o plenario extraordinario do 17 de xuño, ten subliñado que «está claro que era unha persoa moi importante en todo o que se refire á literatura en Galicia».

Así mesmo, tamén destacou que a homenaxe a Manuel María tamén permitirá que Outeiro de Rei sexa «un punto de atención durante un tempo».

Pardo apuntou que por agora é pronto para determinar que iniciativas poderá levar a cabo o concello con motivo desta celebración, pero indicou que «por suposto» que se fará algo acorde coa situación».

O Concello fixo unha homenaxe en 2007 á figura do desaparecido autor, que faleceu na Coruña en 2004 e que tamén conta cunha mención no guía da localidade lucense.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar