Os ‘amigos’ do BNG e do PP

«Volvería a anular o concurso eólico», contestou Núñez Feijóo no Parlamento todo cheo de razón. Non dubido da súa sinceridade.

O problema, como quedou demostrado nunha sentenza máis, non era da «legalidade» do proxecto redactado polo BNG. Non. A nai do año hai que procurala nos intereses enfrontados que defenden os nacionalistas e os populares.

As bases que rexían o concurso do BNG eran totalmente legais. Tamén o foron as que redactou logo o PP para pór en marcha o novo concurso. Pero os beneficiarios finais de ambos tiñan moi pouco que ver, o mesmo que os proxectos industriais que uns e outros levaban aparellados.

O BNG acariñaba dúas ideas fixas cando redactou o seu plano. A primeira, galeguizar un sector que estaba practicamente en mans de capital foráneo. A segunda, que servise para desenvolver un tecido produtivo no país. Así, primaba ás empresas das caixas, das cooperativas lácteas, das conserveiras e das empresas autóctonas que apostaban pola industrialización endóxena.

O PP volveu a pór o noso aire en mans do capital foráneo que xa posuía o 90 % da potencia eólica de Galiza. E dáballe a máxima puntuación a Fenosa para que realizase a «electrificación», coma se non fose unha obriga. Ou a Estela Eólica, unha firma descoñecida, para construír unha incineradora que no proxecto apostaba por unha tecnoloxía caducada había dez anos. Ademais, dúas cláusulas que aparecían no decreto do BNG foron borradas no redactado polo PP. Unha era a cesión á Xunta dunha participación do 14 % da propiedade dos novos parques, o que suporía uns 30 millóns de euros anuais para as arcas públicas galegas. A outra, estipulaba que cando non se realizase o investimento nos proxectos industriais por
parte dos adxudicatarios, estes terían a obriga de pagar o que
non investisen (monetorizar).

Non me sorprende que Feixó lle volvera outorgar o noso mellor vento e o máis barato ás empresas que se reuniron no Zalacaín madrileño para tombar o proxecto do BNG: cada un goberna para os seus. O que si me sorprende é que un presidente, aínda que fose dunha comunidade de veciños (a non ser que estea alugado), teime na mesma trécola e non sexa quen de ver as consecuencias dos seus actos. A súa decisión supuxo que o emprego no eólico minguase o 80 %, e a súa incidencia no PIB pasase do 1,5, ao 0,5. Que os planos aparellados ao concurso non se puxesen en marcha e que, tan sequera, se levantase un aeroxenerador o ano pasado.

O Plano Eólico de Feijóo non existe porque non se puxo en marcha e aínda resposta que volvería facer o mesmo. Pode resultar incríbel, pero é absolutamente certo.

Afonso Eiré e xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar