A Rapa das Bestas de Subucedo, esta noite, na TVG

Rapa das Bestas_TVG,jpg
A Televisión de Galicia emitirá esta noite ás 22.30 un programa especial sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo, unha das festas máis populares de Galicia, declarada de Interese turístico Internacional e que cada ano congrega milleiros de visitantes de todas as partes do mundo.

Un equipo de reporteiros da canle autonómica compartirá cos espectadores galegos esta peculiar festa, en que os homes se miden cos cabalos salvaxes e cuxa tradición responde á lenda dunha terrible peste que asolou o territorio galego e que levou dúas irmás a pedir protección a San Lourenzo, patrón da aldea, a quen lle ofreceron como sinal de agradecemento dúas bestas.

Ao longo da emisión deste especial, poderanse ver impresionantes imaxes dalgúns dos momentos máis especiais desta festa. A TVG estivo presente na xornada para buscar e reunir centos de cabalos salvaxes, tarefa que se levou a cabo desde primeiras horas da mañá nos montes de Sabudeco.

O programa tamén vivirá o momento da baixada destes cabalos, que pastan e pasean en liberdade durante todo o ano, desde o monte ata o curro. Outro dos momentos importantes que poderán ver os espectadores da Televisión de Galicia será precisamente o momento do curro, onde se produce ese man a man tan espectacular entre os aloitadores e os cabalos, todo coa fin de raparlle as crins e marcalos.

Aloitadores, veciños e visitantes serán tamén os protagonistas deste especial e ofrecerán os seus particulares testemuños e opinións desta importante festa.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar