Os tres aeroportos galegos deben funcionar coordenadamente, según Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou polo traballo coordinado das tres terminais galegas para que Galicia dispoña dun sistema aeroportuario cada vez máis modernizado e accesible. É, dixo, un dos maiores desafíos que teñen por diante as cidades con aeroporto nesta nova lexislatura municipal que comeza, na que o Goberno galego, asegurou, “estará a disposición dos concellos e do Ministerio de Fomento”.

O titular da Xunta presidiu hoxe a ampliación da pista do aeroporto coruñés de Alvedro, unha actuación que, segundo resaltou, converterá este aeroporto nun espazo moito máis seguro para operar, non só grazas á propia ampliación da pista, senón tamén pola reactivación do dispositivo antinéboa.

Nesta liña, sinalou que os aeroportos galegos, e o de Alvedro de forma destacada, volven presentar signos dunha forte vitalidade. De feito, apuntou que a terminal herculina, que rozou en 2014 a meta do millón de pasaxeiros e acumula en 2015 un novo e esperanzador incremento, afronta o futuro fortalecido cos elementos necesarios para manter e mesmo elevar esa puxanza.

BILLETE COMBINADO

Feijóo quixo subliñar, por outra banda, o compromiso do Goberno central coas infraestruturas de Galicia, e asegurou que esta colaboración entre a Xunta e o Estado permitirá poñer en marcha o antes posible un sistema de billete combinado bus+tren que facilite o acceso aos aeroportos galegos desde calquera cidade de Galicia.

Como proba deste compromiso lembrou os 1.000 millóns de euros destinados polo Ministerio de Fomento a ampliar a mellorar a rede viaria galega; os máis de 3.000 millóns de euros que están a facer posible que o tren de alta velocidade sexa unha realidade nos prazos comprometidos; ou o investimento na ampliación desta terminal coruñesa.

“A nosa obriga como responsables públicos é estar á altura e aproveitar a oportunidade que representan os novos medios ao noso alcance, tirando deles a maior rendibilidade posible a prol da recuperación económica”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar