A Deputación de Ourense e a Estación de Montaña de Manzaneda analizan proxectos

Baltar_Consello de Administración de Manzaneda O Consello de Administración da Estación de Manzaneda reuniuse en Santiago para analizar a xestión económica da sociedade e os proxectos que se van levar a cabo na estación de montaña. Por parte da Deputación de Ourense, que se incorpora á sociedade co 28% das accións, participou na xuntanza o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar. Precisamente, a institución provincial volve ao accionariado dando cumprimento a un acordo plenario unánime, trala iniciativa do presidente do goberno provincial presentada no Debate sobre o Estado da Provincia.Na reunión procedeuse ao nomeamento dos novos conselleiros e dos auditores para os exercicios 2015, 2016 e 2017, e deuse conta do informe de situación «Estación de invierno Manzaneda, S.A.» e abordáronse temas referidos ao funcionamento e xestión das instalacións.

Manuel Baltar asinou hai semanas o ingreso da Deputación no accionariado da estación de montaña, converténdose o ente provincial no segundo accionista da empresa por detrás da Xunta de Galicia. Baltar afirma que a Deputación «fai que se visualice unha aposta contundente por vertebrar o territorio nunha zona na que especialmente temos que favorecer o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa».

Segundo o presidente, «a Deputación volve ao accionariado da estación de montaña de Galicia, logo da recuperación da facenda provincial, para estar novamente presente nos órganos de xestión de Meisa». O accionariado queda constituído pola Xunta de Galicia, 34% das accións; Deputación de Ourense, 28%; Oca Hoteis, 23,6%; e os concellos de Trives e Manzaneda, que se reparten a partes iguais o 14,4% das accións restantes.

«Temos a intención de aprobar aqueles proxectos que redunden nesa idea de polo turístico singular, iniciativas entre as que figura a instalación de canóns de innivación». «Para a Deputación de Ourense –engade Manuel Baltar- a estación de Manzaneda é un tema clave porque estamos a falar de auga e termalismo como desenvolvemento provincial, ao que se une a tempada de inverno onde tamén temos auga convertida en neve. En definitiva, auga, pedra, natureza, paisaxe, sendeirismo, deporte e medio ambiente, é dicir, Manzaneda conta con todo o que debe diferenciar a Ourense doutros territorios en canto á oferta turística».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar