Un novo sondeo do Estudio Xeral de Medios confirma a TVG como lider absoluta en Galicia

Control de realización da Televisión de Galicia.
Control de realización da Televisión de Galicia.

  A segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM), realizada durante os meses de abril e maio, confirma novamente a TVG como a canle máis vista en Galicia, cunha cota de pantalla do 19,2%. A Galega non só revalida, por terceira vez consecutiva, este liderado, senón que tamén incrementa a súa audiencia en 7 décimas con respecto á onda inmediatamente anterior.

 

O competidor máis próximo da Televisión de Galicia é Antena 3, cunha cota do 13,2%, o que sitúa a canle privada a 6 puntos de distancia. Aínda que as canles de Mediaset continúan sen aparecer no informe do EXM, compre salientar que na terceira onda de 2014 a TVG xa superara a Tele 5 e fora a canle máis seguida en Galicia.

 

No período comprendido de luns a venres, a canle pública galega tamén lidera as audiencias, nesta ocasión cun share do 19,9%, a unha distancia aínda maior (7,1 puntos) da oferta máis próxima, que volve ser a de Antena 3.

 

No que se refire á faixa de noite (20.00-04.00 h.), en que se rexistra o maior consumo televisivo, a Televisión de Galicia tamén foi líder, cunha cota media de pantalla do 15,3% no conxunto da semana.

 

Por días da semana, cómpre salientar os datos de audiencia dos xoves, día en que a canle autonómica rexistra unha cota do 25,1% no conxunto do día. Por faixas horarias, destaca especialmente a de sobremesa (13.00-17.00 h.), en que a TVG acada unha cota de pantalla do 35,8%.

 

As diferenzas con respecto aos datos facilitados por Kantar Media co seu sistema de audimetría son, no ámbito galego, especialmente notables no caso da TVG, con 10 puntos de diferenza entre un estudo e o outro.

 

SUBA DA RADIO GALEGA

 

No citado sondeo,  a Radio Galega incrementou a súa audiencia en case un 20% e gañou 23.000 novos oíntes de luns a domingo. A emisora autonómica rexistrou 141.000 oíntes no conxunto da semana e 153.000 no período comprendido de luns a venres.

 

Con respecto á mesma onda de hai un ano, a RG foi quen de lograr 25.000 novos oíntes de luns a venres e 24.000 de luns a domingo, o que en termos porcentuais significa un incremento do 19,5% e do 20,5% respectivamente.

 

Se se teñen en conta as audiencias do denominado ano móbil, o comprendido entre outubro de 2014 e maio de 2015, a audiencia da radio galega medra ata os 157.000 oíntes de luns a venres e ata os 142.000 no conxunto a semana.

 

Pola súa parte, Radio Galega Música acada nesta segunda onda do EXM 16.000 oíntes de luns a venres e 15.000 e luns a domingo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar